Monforte de Lemos, 5 de agosto de 2019. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de presentar a que será a cuarta edición do festival Carude Rock, que se celebrará no barrio de Carude da cidade do Cabe este venres 9 de agosto a partir das 20:30 horas.
Na presentación, o Alcalde estivo acompañado polos organizadores do festival: José Luís Vázquez “Lito”, Dolores Díaz, José Carlos Fuentes, Borja Vázquez y Manuel Rodríguez “Chusco”.
O Festival Carude Rock é unha iniciativa que nace da Asociación de Veciños do Barrio de Carude no ano 2016, integrándoo dentro da mesma celebración das festas do barrio en honor a San Lázaro. Pero este ano 2019, decidiron cambialo de datas pola climatoloxía e por no facelo coincidir coas festas do barrio, de carácter máis tradicional e que quedaría condicionada pola celebración dun festival destas características.
O obxectivo do Carude Rock, un festival que conta co apoio do Concello de Monforte é, en verbas do Alcalde “ser un bo escaparate para os grupos da nosa bisbarra, e que poidan darse a coñecer ante o público. E ademais, suporá unha importante actividade para o barrio de Carude, que esa noite estou seguro recibirá a centos de visitantes.”
O Concello subvenciona cunha axuda de 3.800 euros ó Festival, sendo o principal patrocinador do mesmo.
Deste xeito, o Carude Rock contará coas seguintes actuacións, todas elas de balde e que terán por escenario a praza de Carude:
Música propia:
-Sr. Jingels (O Barco): actitude, compromiso e rock&roll é como se define este grupo. Ademais, dentro do seu álbum, fan referencia a temas cruciais como a guerra, a violencia de xénero ou as drogas. Ademais, o seu primeiro single xa sonou na Cadena 40 Principales de Vigo e en Onda Cero Lugo.
-Kambotes (Rodeiro): mítico grupo que non pode faltar nun festival, naceu en 1990 en Rodeiro e pouco a pouco vaise consolidando como unha banda hoxe moi coñecida.
Versións pop/rock:
-En mala hora (Ourense): grupo moi coñecido en terras ourensás, realiza versións de pop e rock, sobre todo español. Ademais, están preparando en paralelo un repertorio propio que presentarán en breve.
- Dani Barreiro & Friends (Vilagarcía): Máis de 100 concertos, entre eles o “Atlantic Fest” e o “Festival de la Luz”, cun repertorio sobre pop e rock dende os anos 60, 70 e 80 ata a data, tanto de música propia como internacional.
Tributo:
-Acapulco 94 (Sarria): Tributo a Héroes del Silencio, a banda ten pouco percorrido pero desenvolve un traballo moi coidado, digno de eloxio. Pese a ser un grupo moi novo está pegando moi forte.
Outras actividades
Desde a organización do Carude Rock premiarase, ó propio día dos concertos, a todos os que acudan vestidos coa camisola oficial, cunha pancetada gratuíta ata as 22:00 horas. Haberá tamén posto de bocadillos, e un concurso fotográfico na rede social Facebook para o que hai que saír vestido coa camisola oficial.
Neste senso, as camisolas están á venda en distintos locais da cidade: KM 0 A Taberna do Camis, Talleres González, Bar Jardín, Bar Capilla, Jardín das Delicias, e tamén a través dos membros da organización.