Monforte de Lemos, 8 de agosto de 2019. A fin de semana do 17 e 18 de agosto, tras a celebración en Monforte das Festas Patronais, terá lugar no espazo dos Mercados da Praza de Abastos de Monforte unha nova edición da Feira de Oportunidades de verán do Centro Comercial Urbano (CCU).
No certame participarán 20 tendas de Monforte que ofrecerán grandes descontos en roupa, calzado, óptica, agasallo, decoración, bebé e moito máis.
O horario contempla xornadas de mañá e tarde: o sábado 17 abrirá de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, mentres que o domingo 18 o horario será de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:30 horas. A entrada será gratuíta.
As feiras de oportunidades presentan cada ano máis atractivos, e cada vez máis clientes atopan nestes certames interesantes compras. Monforte conta cun importante nó comercial, onde se centran as compras da comarca e arredores. Nos últimos anos podemos salientar un importante desenvolvemento do comercio monfortino que, a través do seu Centro Comercial Urbano, está a traballar en prol da súa competitividade e calidade.
Fotos e máis información nas redes sociais do CCU de Monforte, co hashtag #ASOPORTUNIDADESDOCCU, e na web www.ccumonforte.com