Monforte de Lemos, 21 de agosto de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu esta mañá a toma de posesión coma funcionarios de carreira de dous novos policías municipais da cidade do Cabe, que dende hoxe pasan a pertencer ó cadro de persoal do Concello de Monforte de Lemos.
Os novos axentes de policía municipal, que se persoaron no Concello ás 9:00 horas para a súa toma de posesión, son Verónica Pérez Amaro, natural de Monforte, e Roberto Cameselle Fernández, natural de Vigo. Deste xeito, dende hoxe ocupan a súa praza de policías locais do Concello de Monforte, encadradas na escala de administración especial, subescala de servizos especiais, na categoría de policía, grupo C1, correspondentes á Modificación da OEP 2018.
Acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e a Concelleira de Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa, ademais do Xefe da Policía Local, Miguel Martínez, o Alcalde aproveitou tamén esta primeira toma de contacto para departir cos dous novos axentes sobre o funcionamento do corpo da Policía Local e outros aspectos relacionados coas súas futuras funcións na cidade e no conxunto do Concello. E tamén lles desexou moita sorte nesta nova etapa que comezan ó servizo dos cidadáns de Monforte.