Monforte de Lemos, 04 de setembro de 2019. Hoxe tivo lugar na Casa do Concello de Monforte a presentación oficial do Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada que se celebrará este sábado día 7 de setembro dende as 15 horas polas rúas e entorno de Monforte, e que contará coa participación das categorías cadete, júnior e féminas.
A presentación contou coa presencia do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, que estivo acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, o Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o Director Técnico e Seleccionador da Federación, Guillermo Sade.
O Campionato, que pechará hoxe ás 12 da noite a súa inscrición, prevese que conte coa participación duns 200 deportistas das categorías base e provintes de toda Galicia. Neste senso, o rexedor municipal indicou que “para o Concello de Monforte sempre é un pracer acoller eventos deportivos desta índole, entre outras cousas por tratarse de categorías de base, como é o caso, xa que somos conscientes da importancia que ten o deporte na formación dos rapaces e rapazas, non só no apartado deportivo senón no propio desenvolvemento integral das persoas.”
O circuíto previsto, que percorrerá diversas rúas de Monforte e chegará ata o concello de Sober, terá unha lonxitude de 18 quilómetros.
Ás 15 horas está prevista a saída da categoría Júnior, que dará 5 voltas a este circuíto; ás 17:30 horas será a quenda dos Cadetes, con 3 voltas ó circuíto; e serán as mesmas voltas as que dean a partires das 19 horas as participantes da categoría Féminas. Esta última, será a categoría estrela da proba, en verbas de Guillermo Sade, xa que “integrará a participación das categorías cadete, júnior, sub 23, élite e máster”.
As probas conlevarán cortes de tráfico dinámicos, que serán puntuais, é dicir, con aperturas e pechadas puntuais de tráfico. Neste senso, ademais da colaboración da Garda Civil, o alcalde destacou que “o Concello de Monforte deseñou un dispositivo especial de tráfico para cubrir e garantir a seguridade no tramo urbano. Este dispositivo implica a un total de 22 persoas entre Axentes da Policía Local, persoal de Servizos á Cidadanía, e outro Persoal Municipal que fundamentalmente se dedicarán a controlar os cruces de rúas polos que transcorre o percorrido”. Por iso, o Alcalde agradeceu a comprensión dos veciños da cidade ante a celebración deste tipo de probas, que supoñen unha boa promoción para Monforte, e pediu desculpas polos posibles trastornos que os cortes de tráfico poidan xerar.
Finalmente, o Presidente da Federación, agradeceu o compromiso e a colaboración do Concello de Monforte e do departamento de deportes na organización deste evento, que converterá “a cidade do Cabe na capital galega do ciclismo durante esta fin de semana”. Como mostra deste agradecemento, a Federación obsequiou ó Concello cun maillot enmarcado correspondente á Volta a Galicia celebrada en Monforte en 2017.
Medidas de tráfico Campionato Galego Ciclismo en Ruta