Monforte de Lemos, 10 de setembro de 2019. Na Xunta de Goberno do Concello de Monforte, celebrada onte luns día 9, o Equipo de Goberno ven de aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións a Asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións para actividades realizadas no exercicio 2019.
Así, esta convocatoria pública ten por obxecto apoiar ás iniciativas, actuacións e programas que contribúan á dinamización da vida cultural de Monforte, actividades que complementen ou suplan os programas dos servizos culturais municipais, dentro do seu marco de competencias e dirixidos á comunidade en xeral.
O Alcalde, José Tomé Roca, indica que “o que pretendemos con esta liña de axudas é incrementar as actuacións culturais da nosa cidade, a través do fomento de charlas, coloquios, conferencias, publicacións, concertos, eventos, etc., que sexan de interese xeral para os cidadáns ou sobre algún colectivo que mereza especial atención. E tamén, queremos contribuír ó aumento do asociacionismo de tipo cultural, artístico e creativo na nosa cidade”.
A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2019 ascende a 12.000 euros, sendo 1.000 euros a contía máxima de cada subvención.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio de aprobación das presentes Bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
A instancia coa restante documentación solicitando a subvención, presentarase no Rexistro Xeral do Concello (Campo de San Antonio s/n, CP 27400, Monforte de Lemos) ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/92, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
As solicitudes que cumpran cos requisitos requiridos para optar a estas subvencións terán ata o 13 de decembro incluído para xustificalas.
Beneficiarios e requisitos
Poderán solicitar estas subvencións as asociacións legalmente constituídas que desenvolvan actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo, que tendo domicilio social, sede ou representación no Concello de Monforte de Lemos cumpran, ademais dos sinalados no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e no art. 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:
- Carecer de ánimo de lucro.
- Estar debidamente inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Monforte de Lemos no momento de presentar a solicitude.
- Non ser debedora co Concello por calquera tipo de débeda de dereito público (será comprobado de oficio pola administración).
- Non ser debedora coa Facenda estatal ou autonómica e estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.
- Non estar incursa en prohibición para obter a condición de beneficiaria de subvención públicas.
- Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
Quedan excluídas para esta liña de axudas municipais as Asociacións e Entidades Deportivas, así como aquelas que realicen actividades de carácter social.