O Alcalde inaugura as novas instalacións da Unidade Asistencia de Drogodependencias do Concello de Monforte ubicadas no barrio da Estación

Monforte de Lemos, 11 de setembro de 2019. No día de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, inaugurou as novas instalacións que o Concello de Monforte acondicionou para a Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte, que se ubican no que era o denominado “Cuarto de Axentes do ADIF”, na Praza da Estación, número 17.

As novas instalacións do Centro de Drogodependencias de Monforte, en verbas do Alcalde,  “permitirán ofrecer un mellor servizo ós usuarios e permitirán que o persoal do Centro, formado por 7 persoas, poida traballar con máis comodidade e en mellores condicións”. A mudanza desde a anterior ubicación do Centro, o edificio de Sanidade, foi realizada durante a semana pasada e desde o luns o Centro opera xa nas novas instalacións.

Este traslado do Centro de Drogodependencias permite que quede libre o edificio de Sanidade, ubicado na avenida de Galicia, polo que nos vindeiros días o Equipo de Goberno do Concello iniciará os trámites coa Dirección Xeral da Policía do Ministerio do Interior para acometer o acondicionamento de dito edificio, co obxectivo de que acolla a nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte.

 

Novas dependencias para a Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte

José Tomé explicou, durante a visita, que “aínda que o edificio dispón de varios andares, só se procedeu ó acondicionamento da planta baixa, posto que ten espazo suficiente para desenvolver as actividades do Centro de Drogodependencias”.  Neste senso, a planta baixa do edificio conta cunha superficie total construída de 306 metros cadrados, a cal é suficiente para desenvolver as necesidades espaciais do novo Centro de Drogodependencias, que se estimaron en 265,70 metros cadrados.

O primeiro paso dado para a remodelación das instalación do novo Centro foi  o baleirado de dita pranta baixa que se atopaba en mal estado, debido á situación de abandono na que estivo durante os últimos anos. Tras o baleirado e limpeza da pranta, elimináronse os tabiques existentes e procedeuse a deseñar unha nova distribución do espazo para dar resposta ás necesidades prantexadas polos traballadores e a dirección do Centro cando se levou a cabo o deseño do proxecto.

O Centro foi dotado dunhas novas instalacións eléctricas e de saneamento e abastecemento de auga. Tamén foi substituída toda a carpintería de aluminio que existía, sendo colocada  unha nova carpintería tanto na porta de acceso como nas ventás que dan a ámbalas rúas, tanto á Praza da Estación como a rúa Calvo Sotelo.

O novo espazo dispón, trala reforma levada a cabo, de 14 salas e despachos. En concreto, o Centro conta coas seguintes instalacións:

 

•   Unha sala de espera

•   Dous baños, un deles adaptado especificamente ás necesicades dos usuarios do Centro.

•   Unha sala de terapias

•   Un laboratorio

•   Un taller

•   Un almacén

•   Sete despachos

 

O custe da obra supera os 90.000 euros, co IVE incluído, e foi financiada con cargo ó Plan Único da Deputación Provincial de Lugo e con fondos propios do Concello de Monforte.

Finalmente, o mandatario local fixo fincapé en que “o traslado do Instituto Municipal de Drogodependencias ó barrio da Estación vai beneficiar tamén ós establecementos comerciais desta zona da cidade e contribuír á dinamización da mesma”.