Monforte de Lemos, 16 de setembro de 2019. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe o que denominou “o novo Miradoiro do Duque”, logo da reforma integral á que foi sometido dende o mes de marzo, e que fan del “un miradoiro máis atractivo, máis seguro, máis amplo e con máis información”.
Na inauguración, o Alcalde estivo acompañado polo Delegado territorial da Xunta en Lugo, Xosé Manuel Balseiro, pola Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada e polo concelleiro de Servizos, José Luis Losada, así como a portavoz do grupo popular no Concello, Katy Varela.
A obra de mellora do Miradoiro foi adxudicada o pasado mes de marzo á empresa Sergonsa Servicios SL, por un importe de 50.892,60 euros, obra financiada a través de fondos do GDR e fondos municipais.
Reforma integral do Miradoiro do Duque
O Miradoiro do Duque ten a mellor situación xeográfica do Canón do Sil, pois está ubicado na ladeira que debuxa unha pequena curva sobre o río Sil, e deste xeito permite visibilizar unha ampla zona da Ribeira Sacra a ambos lados, xusto enriba do embarcadoiro da Deputación.
Antes desta reforma integral, o Miradoiro solo tiña un punto de observación cun balcón de pequenas dimensións e cunha capacidade insuficiente para a acollida de grupos de visitantes, como poden ser as excursións. Do mesmo xeito, as varandas perimetrais estaban formadas por postes verticais de madeira, con pasamáns situados a un metro de altura, e 3 cables de aceiro entre o pavimento e o pasamáns, o que supoñía un déficit na seguridade do mesmo.
Na zona do Miradoiro, tampouco existía ningún panel informativo que orientase ós visitantes e lles indicase as zonas que se poden ver desde alí, e os convidase deste xeito a visitalas, dentro da labor de difusión do conxunto da Ribeira Sacra.
Deste xeito, coa reforma do novo Miradoiro do Duque inaugurada hoxe, ó mesmo tempo que se levou a cabo unha ampliación e mellora do Miradoiro, tamén se lle dotou dun deseño máis actual, ampliando as zonas onde se pode contemplar a paisaxe e aumentando a súa lonxitude no plano horizontal da súa pendente na ribeira do Sil, de xeito que os puntos de observación gañan altura sobre o terreo escarpado aumentado así a sensación de baleiro e o seu atractivo.
Da mesma forma, con estas melloras tamén se aumentou a capacidade de acollida para grupos de visitantes, executándose un novo miradoiro con dúas zonas que se estenden sobre a actual pendente da ladeira dende onde se pode contemplar mellor a paisaxe.
Melloras técnicas e posta en valor do Miradoiro
O Alcalde destacou que “logo da reforma levada a cabo, melloramos considerablemente a capacidade de acollida para grupos de visitantes e ó mesmo tempo potenciamos o atractivo turístico da zona, pois este novo miradoiro conta con 2 zonas desde onde contemplar a paisaxe, que se estenden sobre a actual pendente da ladeira.”
En concreto, procedeuse a substituír á antiga planta trapezoidal de observación por outra deseñada con laterais paralelos e de maior anchura, alongándose sobre a ladeira e mantendo a orientación cara o leste. Para iso, colocouse unha estrutura de aceiro voada sobre a ladeira fincada nunha cimentación oculta de formigón armado.
Na zona suroeste da ladeira, colocouse un novo punto de observación de planta rectangular rematado nunha plataforma semicircular, desde onde se poden contemplar as singulares postas de sol que, dada a súa altitude, son as máis fermosas da Ribeira Sacra. Este novo punto de observación está voado sobre a ladeira mediante unha estrutura metálica igual que no caso anterior.
As novas varandas de protección son de chapa de aceiro e fan que non queden ocos polos que poida introducirse un obxecto superior a 10 cm. de diámetro, o cal evitará problemas de caída, sobre todo de nenos.
O novo pavimento é de táboas fixadas a un armazón metálico soportado pola estrutura que voa sobre a ladeira. Todo isto leva a que a superficie destinada a contemplar as incomparables paisaxes do canos do Sil aumentan considerablemente co novo miradoiro.
O acceso ás dúas plataformas do miradoiro resolverase con pavimento de lousa sobre soleira de formigón, sen superar a pendente do 10 por cento para evitar posibles esvaróns e con anchos superiores a 1,50 metros facilitando así o acceso ás persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas. Ademais prolongouse este acceso ata enlazar coa zona de aparcamento cun ancho de 3 metros, facilitando deste xeito o acceso á zona dos miradoiros tanto ás persoas con mobilidade reducida coma ó resto dos visitantes que pretendan acceder ós miradoiros en tempo de húmido. Neste senso, o rexedor local resaltou que “coas melloras en accesibilidade que veño de referir, o Miradoiro do Duque é un miradoiro inclusivo, pois garante un acceso cómodo tamén para persoas con problemas de mobilidade e capacidades diferentes”.
No novo miradoiro, colocouse un panel informativo realizado en chapa de aceiro pregada, situado na zona de paso ás plataformas do miradoiro, que oriente ós visitantes e lles indique as zonas que se poden ver dende alí e os convide deste xeito a visitalas.
E finalmente instaláronse dous bancos, con asento a dúas caras, executados co mesmo entaboado de madeira tratada que o pavimento do miradoiro, un deles situado no espazo existente entre as dúas plataformas do miradoiro e outro na terraza situada na zona de acceso, bancos nos que se poderá tomar un pequeno descanso mentres se observa a paisaxe existente en toda a contorna do miradoiro.
En definitiva, concluíu o Alcalde, “o Miradoiro do Duque é dende hoxe un novo miradoiro, e polo tanto, un referente de obrigada visita para o turismo na Ribeira Sacra”.