Monforte de Lemos, 17 de setembro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer o inicio das obras recuperación e mellora da beirarrúa situada na marxe noroeste do tramo da rúa Corredoira, comprendido entre a rúa Irmáns da Pena e a Ronda María Emilia Casas. As obras deron comezo na mañá de onte, luns 16 de setembro.
Neste senso, o Alcalde sinalou que “continuamos levando a cabo proxectos de mellora que tiñamos previsto dende finais do pasado mandato, que son varios e que estamos a desenvolver ó longo do verán. O obxectivo desta nova obra é eliminar as barreiras arquitectónicas, así como a reordenación e renovación da beirarrúa da rúa Corredoira, respondendo así a unha demanda constante que nos viñan facendo tanto os veciños de dita rúa coma os usuarios do Hospital e do centro comercial Mercadona”.
Rúa Corredoira
A principios deste ano 2019, o Equipo de Goberno de Monforte acometeu a reforma de importantes rúas do barrio do Hospital, en concreto as rúas Abeledos e Corredoira, nas que ademais de dotalas dun novo firme, se procedeu á redefinición de aparcamentos e a creación de novas beirarrúas.
No mesmo senso, os responsables da superficie comercial Mercadona, ubicada nas inmediacións das citadas rúas, procederon á ampliación e remodelación das súas instalacións, incrementando tanto súa superficie comercial coma de estacionamento.
Continuando con estas accións de mellora das rúas no entorno do Hospital, desde hoxe luns xa se están levando a cabo obras de mellora na beirarrúa da rúa Corredoira, xa que esta, indica o Alcalde “é unha rúa de tráfico bastante intenso, debido o movemento que xeran tanto o Hospital como o centro comercial Mercadona, polo que estimamos necesario remodelar a beirarrúa existente, que é estreita e conta con tramos descontinuos, substituíndoa por unha nova, mellor dimensionada e dotada dos servizos e accesibilidade necesarios.”
Esta obra foi adxudicada á empresa Construcciones Fernando Vassalo S.L. por un importe de 43.993,68 euros, e o prazo de execución é de 3 meses.
A obra está incluída no Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo.
Mellora integral da beirarrúa
Coa renovación integral da beirarrúa da rúa Corredoira, en verbas do rexedor municipal “o obxectivo é ordenar e dignificar a contorna de acceso ó Hospital Comarcal que
presenta nese tramo da rúa Corredoira unha imaxe de desorde co conseguinte perigo para o tráfico rodado.”
Deste xeito acométense, desde onte luns, as seguintes accións:
- A renovación dos pavimentos actuais por outros máis acordes coa contorna e coa función que están destinados a desempeñar.
- A mellora na ordenación do tráfico rodado, segregando con nitidez as zonas estanciais e peonís das destinadas a tráfico de vehículos automóbiles nese
tramo de rúa. - A mellora da rede de drenaxe da calzada executando unha rede de sumidoiros e un colector para condución das augas pluviais nun tramo que carece deste
servizo. - A mellora da accesibilidade peonil ó Hospital comarcal eliminando as barreiras arquitectónicas existentes.
- Procédese ó trazado dunha nova rede de alumado público, coa instalación de 3 farolas con luminarias tipo LED de 3700 LM, á dotación do mobiliario urbano necesario, así como a reposición das sinais verticais retiradas para acometer as obras.
O Alcalde concluíu destacando que “esta actuación garante unha vida útil de máis de cinco anos da beirarrúa e con ela producirase un incremento da seguridade peonil e, en consecuencia, un aforro nos gastos derivados da vixilancia e control da seguridade no tráfico da cidade que corresponde ao Concello ademais dunha sensible mellora na calidade ambiental da rúa.”