Monforte de Lemos, 18 de setembro de 2019. Ás 12 do mediodía de hoxe tivo lugar na praza do Concello de Monforte a celebración dun minuto de silencio en repulsa do triple crime machista acaecido en Valga (Pontevedra), localidade na que foron asasinadas 3 mulleres o pasado luns.
O Alcalde da cidade, José Tomé Roca, declarou que “no Concello de Monforte estamos consternados polo terrible asasinato cometido contra tres mulleres no concello de Valga e con este minuto de silencio queremos facer visible a nosa repulsa ante a violencia machista que deixa xa 41 mulleres asasinadas en 2019 e máis de 1.000 dende o ano 2003 en España”.
No minuto de silencio participaron, ademais do Alcalde, diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación do Concello, así coma persoal municipal e diversos cidadáns monfortinos, para facer visible o rexeitamento común ante a violencia exercida contra as mulleres.