O Concello de Monforte volverá a ubicar un Punto Violeta durante a Romaría do San Mateo

Monforte de Lemos, 19 de setemnbro de 2019. O Concello de Monforte de Lemos volverá a ubicar o próximo sábado 21 de setembro un Punto Violeta na Romería do San Mateo, tal e como fixo nas pasadas Festas Patronais da cidade, en agosto. A acción coordinouse dende a Concellería de Muller e Igualdade a través do Centro de Información á Muller, en colaboración coa Cruz Vermella.

Dito punto, que se materializará a través dunha carpa personalizada, terá por obxectivo previr e atender a posibles vítimas de agresión sexistas durante o período de celebración da romaría e estará atendida por persoal especializado da Cruz Vermella. A campaña terá tamén unha ampla presenza en redes sociais baixo o hashtag  #SexoconSenso.

Con esta medida, segundo expresou o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, “o Concello quere continuar contribuíndo a sensibilizar, previr e actuar ante calquera incidente que se produza contra a liberdade sexual das mulleres durante as celebracións de festexos e romarías no noso municipio, para o que instalaremos durante a Romaría do San Mateo un Punto Violeta”. Este punto estará situado  na entrada do Campo da Festa a man esquerda, xunto co resto de dispositivos de seguridade,  dende as 9:00h. da maña ata as 22:00h da noite.

Daráselle continuidade tamén a campaña de publicidade, iniciada durante as Festas Patronais de Monforte, e que complementa esta iniciativa baixo o lema #SexoconSenso . A campaña terá así unha ampla presenza en redes sociais do Concello de Monforte e da Cruz Vermella, baixo o hashtag  #SexoconSenso. Neste aspecto, na carpa haberá un espazo “Photo Call” no que se disporá un “marco de foto” e diversas figuras en PVC para que todas aquelas persoas que o desexen poidan sacarse as súas fotos e subilas ás redes sociais co hashtag comentado, #SexoconSenso.

No Punto Violeta tamén se incluirán carteleiras con varios consellos para previr a violencia sexual, así como material diversos de sensibilización (pañoletas, dípticos etc.) que se lle proporcionarán a todas aquelas persoas que visiten o Punto Violeta no San Mateo. Con esta campaña, apélase ó xogo de palabras “SEXOconSENSO” tanto como sinónimo de prudencia como de contar co consentimento expreso a hora de manter relacións, a súa vez conta co mencionado hashtag para ser usado nas redes sociais.

Esta medida está recollida dentro do III Plan de Igualdade do Concello de Monforte (2018/2023, dentro da Area de prevención e tratamento das violencias de xénero) como unha acción específica e que xurde tras un traballo de campo no que se detectou a necesidade de dar cobertura a este tipo de cuestións comezando ca elaboración dunha Guía para prever a violencia sexual, presentada no mes de xuño deste ano, e profundizando na mesma a través de actuacións como os Puntos Violeta nas Festas e Romarías así como obradoiros que se levaran a cabo nos centros educativos o próximo curso.

A campaña está financiada con cargo ós Fondos da Secretaría Xeral de Igualdade en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Contra a violencia sexual

A violencia sexual é aquela violencia de xénero na que os agresores intimidan ás mulleres apropiándose dos seus corpos. Dende o piropo ata a agresión sexual hai todo un itinerario de violencias sexuais que cada muller vai vivir de forma diferente pero non podemos minimizar ningún tipo de violencia, no acoso ás mulleres polo seu corpo ou pola súa aparencia é onde está todo o contido da violencia sexual.

Os días de festa, diversión, son días de alegría e emocións pero tamén son días que se levan ao extremo e quedan máis visibles ca nunca algunhas actitudes machistas que debemos eliminar da nosa sociedade.

O establecemento en espazos públicos de puntos seguros e de información sobre a violencia sexual acompañados de campañas de publicidade e reparto de materiais que recollan unha mensaxe de respecto cara as mulleres, asenten conductas positivas na relación entre mulleres e homes, especialmente na etapa crucial da vida que da paso a madurez é unha medida necesaria para dar resposta ao rexeitamento á violencia sexista co obxectivo de que os espazos festivos da nosa cidade, sexan espazos seguros, nos que a actitude de respecto de homes e mulleres permitan desfrutar ás mozas e ás mulleres dunhas festas sen violencia, sen risco de agresións sexistas, sexan da intensidade que sexan.

“Dende o Equipo de Goberno do Concello”, concluíu o Alcalde, “asumimos o esforzo e implicámonos ó 100% con este tipo de iniciativas para evitar a presenza de condutas machistas nas nosas festas e eventos, e agardamos que o San Mateo transcorra con total normalidade  e respecto”.

 

Obxectivos do Punto Violeta

O Punto Violeta contempla uns obxectivos moi precisos en canto a violencia sexista:

  • Concienciar e sensibilizar sobre o problema social e comunitario que supoñen as agresións sexistas, dando información e asesoramento á poboación en xeral.
  • Ofrecer un espazo seguro de atención e intervención fronte a posibles agresións sexistas, centrándonos no interese superior da vítima.