Monforte de Lemos, 2 de outubro de 2019. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou na tarde de hoxe, continuando co programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no urbano como no medio rural, dous novos proxectos, que van contribuír á mellora de novas zonas da cidade.
O primeiro proxecto, ten que ver cos accesos e coas pistas de exame que veñen utilizando as autoescolas na zona de “As Lamas” e o segundo dos proxectos, ten que ver coa mellora de camiños de titularidade municipal en varias parroquias.
A inversión total nos dous proxectos que a continuación describiremos é de 156.206,42 euros.
Pistas de exame do permiso de conducir de “As Lamas”
Empezando polo primeiro dos proxectos, trátase de mellorar a estrada que une a carreteira de Currelos coa finca municipal de “As Lamas” onde están ubicadas as instalacións de exame teórico e práctico para a obtención do permiso de conducir, e nas que realizan as practicas e se examinan as autoescolas do sur da provincia de Lugo, concretamente Monforte, Chantada e Quiroga.
Na actualidade, a pavimentación da estrada de acceso á finca de “As Lamas” e da explanada fronte ó edificio utilizado polos empresarios da construción e para o exame teórico destinado á obtención do permiso de conducir, ten un firme a base de rego asfáltico con gravas de distinta granometría que presenta varios cortes transversais e que, en xeral, presenta un mal estado de conservación, existindo algunhas fochancas e, en definitiva, ten o firme deteriorado, e mesmo diante do edificio levantado pola acción das raíces das árbores existentes.
O ancho medio da estrada que se vai arranxar é de entorno a 6 metros, o que permite dous carrís, un en cada sentido para a entrada a zona de “As Lamas” ou para a saída á estrada de Currelos. Na fachada do edificio existe a posibilidade de sinalizar prazas de estacionamento dado que ten unha anchura considerable.
Polo que respecta ó interior do recinto, habilitado para as manobras de prácticas e tamén para exame, está pavimentado con rego asfáltico sobre unha base de grava, tendo a superficie unha sinalización horizontal que o habilita como uso para circuíto cerrado co fin de executar as diferentes manobras definidas polo regulamento de tráfico de cara á obtención dos distintos permisos de conducir.
O Alcalde monfortino salientou, en relación con este proxecto, que “a mellora de todo o espazo de acceso e pistas de prácticas será dotada dunha capa de aglomerado en quente e posteriormente sinalizado coas liñas horizontais tanto nos carrís de acceso como as marcas para as prácticas dos alumnos das autoescolas. Unha vez executadas as obras, quedarán uns accesos e unhas pistas de prácticas modernas para prestar un bo servizo ás autoescolas e ós alumnos”.
Este proxecto ten un custe de licitación de 68.091,30 euros incluído o costo do proxecto. As obras serán realizadas no que queda de ano 2019.
Proxecto PEIM 2019: mellora de camiños de titularidade municipal en varias parroquias
O segundo dos proxecto presentados polo rexedor municipal ten que ver coa mellora de pistas rurais no perímetro de Monforte e en 6 parroquias, o cal suporá o arranxo dun total de 9 pistas.
Concretamente, os camiños que se van mellorar son:
- O camiño de Lodairo e Pintor Laxeiro, situadas na marxe esquerda da carreteira de Currelos fronte ó recinto da Feira por onde se accede cara a Prodeme.
- A pista de Cabanas pertencente á parroquia de Moreda, ubicada no barrio do mesmo nome.
- Na parroquia de Piñeira serán mellorados 2 camiños, neste caso serán novos asfaltos de triple rego situados na zona de Recosta e no barrio da Regueira.
- Na parroquia de Ribasaltas tamén se vai ver mellorado o denominado “Camiño da Colmea” que vai paralelo á vía do ferrocarril pola marxe esquerda en dirección a Lugo, situada entre o paso inferior e o río Cabe.
- A pista de Salvadur e pertence á parroquia de Rozabales
- A pista que vai dende Campo de Abaixo ata a N-120, ata a parroquia de Sindrán.
- Finamente tamén será arranxado o camiño que vai dende O Miogo ata o Eivedo, na parroquia de San Julián de Tor.
En total, as pistas que se inclúen neste proxecto, que todas elas forman parte da rede viaria municipal do Concello de Monforte, suman unha actuación de 5 quilómetros e medio, e vai supoñer unha mellora importante nas parroquias afectadas.
O custe total de licitación deste proxecto ascende a 88.115,12 euros. Este segundo proxecto tamén se desenvolverá no que queda de ano, excepto que viñera moi mala climatoloxía e houbera que aprazalo.