Monforte de Lemos, 15 de outubro de 2019. O teatro volverá ser protagonista esta semana da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura e Igualdade de Monforte, enmarcada dentro do ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo semestre de 2019 en Monforte de Lemos iníciase así este xoves 17 de outubro ás 20:15 h no Edificio Multiusos, coa aposta en escena da obra Vida de Cans da compañía Talía Teatro obra escrita e dirixida por Cándido Pazó e cun elenco artístico de Dani Trillo, Rubén Prieto e Artur Trillo.
A representación dará comezo ás 20:15 horas e o prezo da entrada xeral será de cinco euros, mentres que para estudantes, desempregados e xubilados será de tres euros.
Vida de Cans é unha alegoría canina en cinco ladridos escénicos.
Tres actores
Tres cans
Ou tres actores que fan de can
Sen deixar de ser actores
Sen deixar de ser cans
Están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo
Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo...
pero recinto
Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados...
pero recluídos
Fóra do recinto está a liberdade
Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade
Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade
Ou segundo a súa canalidade
E todo vai derivando cara unha traxedia...
que nunca deixa de ser comedia
Comedia absurda
Comedia paródica
Comedia metafórica