TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /VENRES 25 DE OUTUBRO DE 2019

O salón de actos do Edificio Multiusos acollerá este venres 25 de outubro ás 19:00 horas, dento do programa FalaRedes 2019 Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, unha representación teatral para público infantil e familiar con entrada libre e gratuita. Representación que realizará a compañía TALÍA TEATRO coa obra “ROSA CARAMELO E OUTRAS HISTORIAS”.

Rosa Caramelo é unha proposta escénica, protagonizada por Fernando Fraga e Artur Trillo, de gran calidade artística e lingüística, que aborda roles e estereotipos de xénero para traballar valores como a liberdade ou a igualdade, a través dunha montaxe de catro historias nas que se combinan as palabras coa música en directo.

Illada nun xardín, Margarita é a única elefanta do grupo que non consigue que a súa pel sexa de color rosa caramelo. Cando os seus pais desisten desa idea descubrirá o significado da liberdade, e abrirá o camiño da igualdade para as súas compañeiras. Un espectáculo para nenas e nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero.

Nesta montaxe combínase a palabra e a música en directo, trátase de crear unha atmosfera adecuada para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.