O Alcalde anuncia a proposta de modificación de ordenanzas fiscais que se levará hoxe a Pleno

Monforte de Lemos, 28 de outubro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde e concelleira de Facenda, Gloria Prada, anunciaron hoxe a proposta de modificación de ordenanzas fiscais para o 2020, que serán levadas hoxe ó Pleno mensual que se celebrará a partir das 20 horas no salón de plenos do Concello.

“Os monfortinos pagarán menos impostos no vindeiro ano 2020”, salientou o rexedor municipal ó inicio da súa intervención. En concreto as medidas propostas suporán reducir a fiscalidade da ordenanza do cemiterio por sepultura e por transmisións nun 50%, reducido á metade do que viñan pagando dende o ano 2012, cando foron subidas esas taxas polo anterior Goberno municipal.

Polo que respecta á ordenanza do lixo, explicou o Alcalde, “cando unha vivenda se dedica tamén a oficina de traballo, ata agora tributaba polos dous conceptos e a partir de agora, cando se dea esta situación, tributará soamente pola actividade profesional, suprimindo a doméstica.”

O resto das ordenanzas municipais quedan conxeladas para o vindeiro ano 2020. Solo se proporá ó pleno de hoxe actualizar os IPC`s porque está recollido nos contratos que veñen  de anteriores mandatos, como son a piscina, auga e saneamento e o lixo no 0,3% do IPC de setembro de 2018 a agosto de 2019, salvo o caso do lixo, que será menor, porque no contrato establece que será do 85% do IPC, neste caso o 85% do 0,3%. “Todos os demais impostos e taxas municipais que non están suxeitos a un contrato, non subiran absolutamente nada e no caso do cemiterio baixara a metade”, destacou o Alcalde.

José Tomé tamén explicou que “mantemos as bonificacións que aprobamos o ano pasado sobre o ICIO, o IAE e o IBI para a creación de postos de traballo e para a implantación de empresas. En resumo, decidimos baixar a ordenanza do cemiterio e conxelar un ano máis os impostos e as taxas que dependen do Concello por 5º ano consecutivo.”

Baixa das taxas do cemiterio municipal

En concreto, as taxas que teñen que ver co cemiterio, quedan da seguinte forma:

Para cada sepultura, cabida, oco ou altura, o cidadán pagará ó ano 5 euros; ata agora pagaban 10 euros. Así, por un nicho de 3 cabidas pagábase 30 euros e en 2020 pagaranse 15 euros, xusto a metade.

No referido á transmisións de nichos, tanto entre vivos como por causa de morte, ata agora pagábase o seguinte:

A modo de exemplo, nun contrato a 75 anos, para unha transferencia de 3 cabidas, pagábase:

  • Parentesco de 1º grao: 10% ----- 59’156 euros
  • Parentesco de 2º grao: 30% ---------- 177’46 euros
  • Parentesco de 3º grao: 60% -------- 354’93 euros
  • Parentesco de 4º grao: 90% -------- 532’40 euros

Coas novas tarifas, o cidadán aforra a metade:

  • Parentesco de 1º grao: 29’58 euros
  • Parentesco de 2º grao: 88’73 euros
  • Parentesco de 3º grao: 177’46 euros
  • Parentesco de 4º grao: 266’20 euros

“Deste xeito”, indicou o rexedor municipal, “cumprimos o noso compromiso que adquirimos nun acto con persoas maiores, para reducir os custes do cemiterio”.

 

Calendario fiscal 2020

O calendario fiscal tamén se modifica para adecualo ás datas laborais do vindeiro ano 2020. Deste xeito:

  • Imposto de vehículos de tracción mecánica: do 15-04-2020 ata 15-06-2020.
  • IBI: do 5-08-2020 ata 6-10-2020
  • IBI (domiciliado): o 60%: o 5-08-2020; o resto (40%): o 4-12-2020
  • IAE: 17-08-2019 ata 19-10-2019

En conclusión, redúcese a presión fiscal con respecto ó pasado mandato, supoñendo unha baixa do 2’3% en todas as taxas e impostos que non están suxeitos a contrato, xa que iso foi o que subiu o IPC. Do mesmo xeito, o Equipo de Goberno propicia así a flexibilización do pago de taxas e impostos, xa que os monfortinos, que así o soliciten, poderán fraccionar o pago, en función da cantidade a pagar.

 

O Alcalde rematou a súa intervención indicando que “no pasado mandato, os monfortinos acabaron pagando menos en 2019 que en 2015, e neste mandato seguimos coa mesma liña de traballo, conxelando as taxas e os impostos para o ano 2020.”