Aberto o prazo de solicitude para participar no Mercado de Nadal da Praza de Abastos de Monforte

Monforte de Lemos, 14 de novembro de 2019.  O Concello de Monforte informa que ven de abrir hoxe o prazo de inscrición para participar no Mercado de Nadal de Monforte de Lemos, que se celebrará na Praza de Abastos da cidade os días 21 e 22 de decembro de 2019.

Nesta nova edición do “Mercado de Nadal na Praza: Agasallos, artesanía decoración e xogos 2019”, poderán participar profesionais legalmente constituídos que acrediten o  desenvolvemento dunha actividade económica relacionada coa temática deste mercado: artesáns profesionais, empresas de decoración de Nadal e do fogar, e aquelas actividades económicas relacionadas con agasallos, xoguetería e complementos para o Nadal.

O horario de apertura dos postos será na xornada do sábado 21 de decembro, de 10:00 a 14:00 e 17:00 a 20:30 e domingo 22 de 10:30 a 14:00. Será obrigatorio manter o posto aberto nas datas e horario de apertura ao público indicadas.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o día seguinte ó da publicación das bases na páxina web do Concello e  remata o día 28 de novembro de 2019 horas. Os interesados/as en participar deberán presentar unha solicitude, xunto coa documentación requirida nas bases de participación do Mercado de Nadal, no Rexistro Xeral do Concello de Monforte (Campo de San Antonio s/n).

Para calquera aclaración, os interesados poden dirixirse á Axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Monforte, acudindo á súa oficina situada nas Casitas da Compañía, s/n, ou no teléfono 982 884 775.

O Nadal na Praza quere ser un referente nas datas de Nadal, onde se poderán atopar agasallos de calidade artesanais e pezas únicas, así como todo tipo de artigos relacionados coas compras navideñas. Ademais da oferta de produtos dos diferentes expositores, levaranse a cabo actividades complementarias relacionadas co ocio e o lecer, co obxectivo de facer máis dinámico e atractivo o Mercado. En vindeiras datas, daremos a coñecer o programa completo de actividades.

Do mesmo xeito, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, indicou que “con este tipo de eventos, como é o Nadal na Praza, queremos potenciar e colaborar co mercado local, para crear pulos comerciais que aposten pola importancia da compra no pequeno comercio”.

 

 Bases Mercado Nadal na Praza 2019

 Solicitude Mercado Nadal 19