Monforte de Lemos, 15 de novembro de 2019. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este venres durante o acto de inauguración das xornadas A Importancia do románico no Camiño de Inverno organizadas pola Fundación Juana de Vega no Parador de Monforte que o organismo provincial liderará e impulsará a integración do románico da Ribeira Sacra na rede de Itinerarios Culturais Europeos, unha iniciativa do Consello de Europa para crear un vínculo entre a cidadanía e o patrimonio. Na xornada inaugural, estivo acompañado polo presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e pola directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre de Urcola.
O Alcalde argumentou que, “por unha banda, lograríamos recoñecer de xeito exponencial o patrimonio cultural e natural da zona e, pola outra, ofrecer un valor engadido aos peregrinos do Camiño”. Dste xeito, puxo en valor a organización destas xornadas arredor do Románico, en tanto que “concordan co noso compromiso de impulsar o sector turístico a través da promoción do territorio”. Así, o Alcalde e Presidente destacou que unha das liñas de actuación fundamentais dos Orzamentos da Deputación que se están a elaborar para o ano 2020 “é precisamente a promoción dos nosos recursos patrimoniais, nomeadamente o Camiño de Santiago, pero tamén todos os atractivos naturais, históricos e culturais cos que conta a nosa provincia” e lembrou que “na Ribeira Sacra temos unha das maiores concentracións de románico de Europa, o que supón unha enorme riqueza cultural”.
Tomé Roca recalcou así mesmo que traballarase para que a provincia, e nomeadamente a comarca de Lemos e a Ribeira Sacra, teñan un papel central de cara ao Xacobeo 2021 e poida aproveitar o enorme potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño. No mesmo senso, tamén lembrou que o ente provincial traballa para culminar a aspiración de que a Ribeira Sacra sexa Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade, e que foi precisamente a institución lucense a que promoveu o movemento de respaldo da candidatura a Ben Mundial no ano 2011.
As Xornadas están a ser un éxito de participación xa que, segundo a organización, cubríronse ás 50 prazas ofertadas. Ademais das diversas ponencias e coloquios, inclúen visitas culturais no Camiño de Inverno e na Ruta do Románico da Ribeira Sacra. Mañá sábado ó mediodía concluirán co relatorio de conclusións e as propostas de integración da ruta do románico e da Ribeira Sacra na Ruta Cultural Europea do Románico.