Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2019. O Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe os actos que a Concellería de Muller e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. O Alcalde convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias”. No acto de presentación, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.
“Dende o Concello de Monforte, consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Así, animamos a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración dos diversos actos que organizamos arredor do 25 de novembro”, sinalou Tomé Roca.
Coa campaña de “Monforte en negro” dende o Concello proponse a colectivos e empresas vestir de loito a cidade de Monforte, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque estes colectivos e empresas poden ser un gran escaparate dende o que transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: “Queremos un Monforte libre de violencias machistas!”
Deste xeito, do 18 ao 29 de novembro a mensaxe que se lanza ós colectivos e empresas da cidade é “viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro”. Da mesma maneira, dende o Concello, facilitarase material e información para levar a cabo esta campaña do xeito máis eficaz e chamativo: repartirase carteleira por todos os establecementos comerciais e hostaleiros da cidade, e tamén posavasos, manteis de papel, bolsas de tela, chapas e pulseiras entre os distintos axentes sociais e económicos implicados na Campaña.
Do mesmo xeito, tamén se colgarán pancartas na Torre da Homenaxe, no edificio do Concello, no Centro Cívico e na rúa Cardenal.
Esta campaña desenvolverase conxuntamente en máis dun centenar de vilas e cidades galegas baixo o lema En Negro Contra As Violencias co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía.
Entre as novidades que presenta este ano a Campaña, está a posibilidade de que cada colectivo. asociación, institución ou empresa poidan, de maneira individual, adherirse a campaña. Para a adhesión, as persoas interesadas deben entrar na web http://ennegrocontraasviolencias.gal, e unha vez alí, cubrir o formulario segundo sexan Concellos, Colectivos ou Empresas. Unha vez adheridos recibirán un login para poder personalizar o seu material e ademais o distintivo de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán os seguintes:
Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas, que se celebrará o 22 e 29 de novembro, en horarios de 10 a 14 horas e no Centro Cívico Social, co obxectivo de dotar ás mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero. O curso estará impartido por persoal instrutor de Fegaloita cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero. Para participar nesta actividade é necesario que as mulleres interesadas se inscriban previamente no CIM.
Acto do 25 de novembro: ás 12:00 horas terá lugar unha concentración na Praza do Concello onde se lerá o Manifesto a cargo de Margarita López, Concelleira de Muller e Igualdade, para posteriormente trasladarnos á zona do río Cabe entre as dúas pontes, a ponte nova e a ponte vella, para realizar unha cadea humana que rodee o río. Para elo, dende o Concello recoméndase que toda a xente que participe no acto vaia vestida de negro.
Charlas sobre agresións sexuais e violencia sexual: o mércores 27 de novembro no Salón de actos da Casa da Cultura desenvolverase esta charla informativa a cargo de Angélica Mercado, docente con ampla experiencia en políticas de igualdade. Esta actividade levarase a cabo ao longo de dúas sesións, a primeira de 10:30 a 11:30 h. e a segunda de 12:00 a 13:00 h. estará dirixida ao alumnado de 4º da ESO dos seis Centros de ensino de Monforte.
A actividade é concedida pola Secretaria Xeral de Igualdade no marco do Acordo de colaboración asinado coa Federación galega de municipios e provincias de Galicia, para aqueles municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.
Con esta actividade pretendemos dar continuidade as actuacións levadas a cabo pola Concellaría de Muller e Igualdade na prevención da violencia sexual iniciadas coa publicación da Guía de prevención da violencia sexual SexoconSenso, as Campañas de publicidade que se desenvolveron entre os locais comerciais e hostaleiros, así como os Puntos Violetas que se desenvolveron nos días de festas patronais e romaría de San Mateo.
Representación teatral “Invisibles”, a cargo da compañía Redrum Teatro, que terá lugar o xoves 28 de novembro ás 20:15 h. no Edificio Multiusos. A obra terá un prezo de entrada de 5 euros para persoas adultas e de 3 para persoas desempregadas e xubiladas.
Invisibles xorde da necesidade de visibilizar. O libro homónimo de Montse Fajardo saca a luz sete relatos de maltrato, historias de vida de sete heroínas coas que identificarnos, das que aprender e coas que rebelarnos. Grazas a linguaxe escénica, estas historias cobran unha nova dimensión na que se transita dende planos máis realistas, achegados ao “teatro documento” ata propostas máis poéticas e simbólicas.
O venres 29 de novembro ás 11:30 h. no Centro Cívico Social terá lugar unha nova sesión da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero, a cal ten como finalidade garantir, fomentar e implementar accións e formulas preventivas xunto cunha atención integral de calidade ás vítimas. A Mesa está composta por profesionais de toda a comarca de Lemos que pertencen a distintas áreas de intervención: Social, Educativo, FF.CC., de seguridade do Estado, Xustiza, Colexio de Avogados, Sanitario,…
Todas as reunións da Mesa de traballo inícianse cunha sesión formativa que nesta ocasión versará sobre a violencia sexual a cargo de Angélica Mercado, posteriormente traballarase sobre os puntos marcados na orde do día.
Xornada formativa sobre a prevención do acoso sexual e por razón de sexo na Administración Municipal: o venres 13 de decembro ás 12:30 h no Salón de Plenos do Concello impartirase unha Charla formativa dirixida ao persoal político e municipal do Concello na que se tratará o contido que recolle a “Guía de prevención de acoso sexual e por razón de sexo na Administración Municipal”, que publicamos no pasado mes de xuño, coa finalidade de sensibilizar ó persoal do Concello, dotalo de ferramentas para evitar casos de acoso sexual e por razón de sexo, e acadar un contexto de seguridade e de igualdade.
O Alcalde concluíu “animando á todos os veciños e veciñas de Monforte, así como a asociacións, colectivos, entidades e empresas a que participen nos diversos actos que conforman esta campaña co obxectivo común de acabar coa lacra da violencia machista na nosa sociedade, pois é un tema transversal que nos compete a todos e todas.”