Monforte de Lemos, 11 de decembro de 2019. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, presentou este mércores o proxecto para o acondicionamento da vía de acceso ás instalacións provinciais de Tor, en Monforte de Lemos, unha actuación que levaba uns dez anos paralizada e que Tomé decidiu reactivar cun investimento de 600.000€.
“Este é un proxecto moi importante polo volume de investimento e pola mellora da comunicación vial para conectar o centro da cidade con este complexo”, afirmou o Alcalde, quen subliñou ademais que responde ao compromiso que expresou na súa toma de posesión de impulsar e poñer en valor o complexo de Tor para convertelo nun referente para o sector primario con actividades vinculadas coa produción ecolóxica e a formación universitaria.
Tomé Roca adiantou que está previsto que a vindeira semana a Xunta de Goberno da Deputación aprobe a licitación das obras. “Hai dez anos, no 2009, a Deputación procedeu á mellora do primeiro tramo, que é o que enlaza a estrada provincial LU-P-3207 coa da Xunta, a LU-617. Agora reactivamos este proxecto e completaremos o arranxo da pista, ata chegar ao aulario do Pazo de Tor”.
Segundo explicou o rexedor municipal, “onde está agora parado o ensanche, continuará en liña recta a través dos prados que xa foron expropiados e pagados, que será de nova construción, ampliando tamén a pista existente que accede ó Pazo, nunha lonxitude de 600 metros, entre os puntos quilométricos 2,7 e 3,3”.
Ademais, dotarase, tanto ao enlace coa LU-617 como a todo o tramo completo de máis 3 quilómetros, do pavimento definitivo a base de mestura asfáltica en quente.
A actuación dentro da Finca consistirá nun novo vial ata o aulario, con novos accesos, unha rotonda para cambiar o sentido da circulación e estacionamentos para coches e autobuses. “Son unhas obras que terán un prazo de execución de 6 meses e está previsto que poidan comezar no verán”, explicou Tomé Roca.
O Alcalde destacou que esta é unha obra importante porque “queremos impulsar e poñer en valor a finca de Tor”. O Pazo “xa é un referente para o noso turismo. É unha peza clave na Rede Museística Provincial que debemos espremer aínda máis, co fin de potenciar o noso patrimonio. Estamos ante un testemuño privilexiado do modo de vida da nobreza na Galicia da Idade Moderna”, afirmou.
Ademais, explicou o Alcalde, a finca de Tor “ten moitas posibilidades. Ao igual que estamos a facer coas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, a nosa intención é converter esta finca de Tor nun referente e nun elemento tractor para o noso sector primario, neste caso poñendo en marcha actividades vinculadas á produción ecolóxica e á formación universitaria".
O rexedor municipal rematou salientando que "como Alcalde de Monforte é unha satisfacción porque por fin imos ver feita esta obra que vai supoñer un antes e un despois para o futuro do Pazo e para o futuro da finca de Tor".