Monforte de Lemos, 13 de decembro de 2019. O Concello de Monforte segue a traballar pola igualdade e contra a violencia de xénero. Deste xeito, a Concellaría de Muller e Igualdade de Monforte, a través do CIM, organizou na mañá de hoxe a Xornada Formativa: Prevención do acoso sexual e acoso por razón de sexo na Administración Municipal, que tivo lugar na sala de xuntas do Concello.
O acto foi introducido pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, quen deu paso a Tania Merelas Iglesias, Doutora en Ciencias da Educación, postgrao en Xénero e en Políticas Públicas de Igualdade, quen foi que desenvolveu a xornada formativa, dirixida ó persoal político e municipal do Concello.
Esta iniciativa enmárcase como unha actuación específica dentro do III Plan para a Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Monforte 2018/2023 (Área Estratéxica 1.-Promoción da Igualdade no concello como organización- Ámbito 5 de Prevención e detección do acoso sexual e do acoso por razón de sexo- Medida 2 Desenvolvemento de accións formativas para a prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo). E pon fin ó programa de actividades organizado pola Concellería e o CIM co gallo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Esta sesión formativa tiña como obxectivo dar a coñecer e prever o acoso sexual e o acoso por razón de sexo no ámbito municipal, partindo dos contidos recollidos na Guía de prevención de acoso por razón de sexo na Administración Municipal publicada polo Concello de Monforte en maio 2019.
O reto actual está non so en dotar ao Concello de Monforte dun instrumento como a Guía de prevención de acoso sexual e acoso por razón de sexo na Administración Municipal, senón tamén de trasladar a través de sesións formativas como a que imos desenvolver, os coñecementos prácticos necesarios para dispor da información sobre como previr, detectar e combater situacións de acoso sexual e por razón de sexo, permitindo a adquisición dun compromiso na que se implique a todo o persoal político e municipal do concello, xerando un proceso de reflexión, sensibilización e aprendizaxe nesta materia.