O Concello de Monforte da a coñecer a súa oferta turística na presentación da campaña “Lugo, ¡Ven!” da Deputación de Lugo en Fitur

Monforte de Lemos, 23 de xaneiro de 2020. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou hoxe nun acto no Stand de Galicia en Fitur a campaña da Deputación Provincial “Lugo, ¡Ven!”, na que o mestre de cerimonias foi o recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro.

O acto, que contou coa presencia de blogueiros e xornalistas especializados no sector, serveu para dar a coñecer dúas novas aplicacións para dispositivos móbiles que teñen como finalidade difundir os principais atractivos da provincia e mellorar a experiencia do visitante. O Presidente estivo acompañado pola Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, así como as Alcaldesas de Lugo e Viveiro, Lara Méndez e María Loureiro, entre outras autoridades.

O Presidente mostrou a provincia en Fitur como "un balcón de natureza infinita" do que gozar mediante as novas tecnoloxías, para o que presentou dúas aplicacións desenvolvidas que ofrecen información sobre distintos puntos de interese turístico. Tomé Roca explicou que estas ferramentas buscan "acompañar" a un turista cada vez máis dixitalizado sen "condicionar" a definición da súa ruta pola provincia lucense.

Así, apuntou que a utilización destas aplicacións, que aspiran a incentivar as visitas e a "mellorar a experiencia" turística, supoñerá unha nova forma de "vivir" a viaxe. Deste xeito, detallou que as ferramentas facilitan que o turista descubra a provincia "desde o punto de vista persoal e se deixe levar pola súa natureza".

“O viaxeiro de hoxe é cada vez máis dixital e organiza o seu tempo libre a través do seu móbil, tablet ou ordenador”, subliñou o Presidente.

José Tomé Roca explicou que a App gratuíta Inventrip inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, entre elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. “Un conxunto de información que lle permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición”, dixo.

A outra ferramenta tecnolóxica que o Presidente presentou en FITUR foi Lugo 360, unha aplicación tamén de balde, que a través da realidade aumentada permitirá facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo móbil. A App inmersiva abre unha ventá virtual que permitirá ao usuario facer unha visita a calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Cha e Ribeira Sacra), co fin de motivalo a que faga unha visita real.

“Lugo 360 e Inventrip son dúas maneiras de acompañar aos nosos visitantes a través do seu móbil sen condicionalos. Deixando que eles mesmos teñan o control sobre a súa viaxe e que, esa viaxe lles achegue a realidade máis natural da provincia de Lugo”, afirmou Tomé. Centrado no turismo de experiencias, o Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte fixo un recorrido pola provincia, deténdose en algunha das citas culturais, deportivas e musicais, no turismo de natureza, na calidade e riqueza paisaxística de Lugo, no termalismo e no enoturismo.

 

   

 

Oferta turística e patrimonio natural da provincia de Lugo

Respecto de a oferta turística, o presidente da institución puxo en valor a súa variedade, xa que, ademais de sumar 144 quilómetros de litoral, un 55 por cento do territorio da provincia foi recoñecido como Reserva da Biosfera. Nese sentido, mostrou un Lugo "verde e azul" no que é posible "gozar da neve na montaña ou bañarse nos ríos do interior e as praias da costa".

Así mesmo, o tamén alcalde de Monforte de Lemos recordou que as catedrais de Lugo e Mondoñedo e a muralla da capital da provincia foron recoñecidas como Patrimonio da Humanidade, así como a candidatura da Ribeira Sacra, que definiu como "un pequeno paraíso (situado) no interior de Galicia", a esta distinción da Unesco.

En canto ao patrimonio natural de Lugo, o Presidente puxo en valor Os Ancares como un "balcón de natureza infinita" e destacou a provincia conta "cun dos ceos máis limpos do mundo" para gozar dunha noite estrelada.

Monforte, capital da Ribeira Sacra, e o seu enorme potencial turístico

Gloria Prada, 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, foi a encargada de presentar á cidade neste acto. Na súa intervención presentou á cidade como “a capital da Ribeira Sacra, un anaco de paraíso da provincia de Lugo no interior de Galicia que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade. Estou segura de que o conseguiremos o próximo ano.”

A representante municipal destacou a importancia dos monumentos cos que conta a cidade, en especial os de estilo románico, ou destacou a recente renovación do Miradoiro do Duque “un balcón ó que asomarse e deixarse levar por todos os sentimentos que o propio lugar evoca”.

Do mesmo xeito, Prada destacou o conxunto monumental de San Vicente, ao que rodea o casco histórico, declarado Ben de Interese Cultural como Conxunto Histórico Artístico en 1973. Tamén a importante rede museística da cidade, onde destaca un dos museos máis emblemáticos, a Pinacoteca dos Escolapios, tamén coñecida como o Escorial Galego, ou o Museo as Clarisas, un dos mellores museos de arte sacro e de arte italiana do século XVI.

Tamén destacou o Museo do Pazo de Tor, que pertence á Diputación, o Museo do Ferrocarril de Galicia e o Museo do Viño, “no que se pode facer un percorrido polo cultivo das vides en terrazas e gozar dos excelentes caldos, tanto de viños novos como en barrica de carballo”.

Do mesmo xeito, tamén salientou que Monforte forma parte da Rede de Xuderías de España polo seu pasado sefardí, ofrecendo ó longo do ano itinerarios e rutas nos que o visitante pode comprobar a pegada da comunidade xudía no municipio.

A Tenente de Alcalde concluíu a súa intervención destacando que “Monforte e a Ribeira Sacra están de moda. Viven unha eclosión turística, que non é casualidade, senón froito dun traballo intenso e ben feito de moitos anos que empeza a dar os seus froitos. Sen dúbida, a declaración da zona como Patrimonio da Humanidade supoñerá un fito de primeiro nivel no ascenso turístico que estamos experimentando. Invitámoslles a comprobar de primeira man por que a Ribeira Sacra merece este recoñecemento da UNESCO; e por que é un dos destinos máis impresionantes de Galicia e de España. Invitámoslles a que gocen de todo o que lles temos que ofrecer”.