Monforte de Lemos, 21 de febreiro de 2020. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou hoxe no acto de presentación da 12ª edición do evento Estase Cocendo, evento organizado pola delegación en Monforte da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo. Estas xornadas gastronómicas arredor do cocido desenvolveranse en restaurantes e bares de Monforte e do resto da Ribeira Sacra dende mañá 22 de febreiro ata o 22 de marzo.
No acto de presentación do Estase Cocendo, ademais do Alcalde, estiveron presentes o presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real, a Xefa de Turismo da delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez, e compadre do evento, o piloto monfortino de rallies Eduardo Iglesias, que participou con éxito na pasada edición do Rallie Dakar en terras saudíes. O acto foi presentado pola xornalista Manola Porto.
Na súa intervención, Tomé Roca salientou que o “Concello de Monforte e a Deputación provincial de Lugo van continuar colaborando con esta proposta xa que é un elemento máis que contribúe a dinamizar a actividade da nosa hostalería e que tamén axuda a aumentar o número de persoas que deciden achegarse a visitar a nosa comarca”.
O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación salientou que as xornadas gastronómicas Estase Cocendo combinan “turismo, patrimonio e gastronomía, un eixo que xera riqueza económica e emprego. Son elementos que se reforzan os uns ós outros. Unha boa oferta cultural e de ocio atrae un turismo de calidade, que á vez demanda unha oferta gastronómica de altura. E unha hostalaría como a da nosa provincia, que coida o produto, as receitas e ó cliente, supón un acicate para atraer novos visitantes”.
“Iniciativas como esta”, subliñou, “son tamén unha peza máis á hora de reclamar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Unha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo no ano 2011 e que contou dende o principio coa colaboración e o respaldo da Asociación de Hostaleiros”.
Tamén aproveitou a ocasión para felicitar a Eduardo Iglesias polo seu recente éxito no Dakar e indicou que “estou plenamente convencido de que coa súa presencia e imaxe, imos conseguir unha moi boa e ampla difusión das xornadas do Estase Cocendo deste ano”.
Para rematar o rexedor monfortino animou tanto ós veciños da cidade como a todos os turistas e visitantes que nestes días se achegan a Monforte e á Ribeira Sacra a participar neste evento e degustar as saborosas elaboracións que conforman este Estase Cocendo. E concluíu manifestando o seu “desexo de que ano tras ano esta cita gastronómica siga medrando e consolidándose, porque é un elemento máis que axuda a incrementar o noso potencial turístico”.
Máis de 60 establecementos hostaleiros de 10 concellos do sur da provincia de Lugo participarán na nova edición de Estase Cocendo ofrecendo tapas especiais e menús de cocido. O programa complétase con visitas guiadas gratuítas por Monforte de Lemos, rutas a cabalo ou quedadas de motos, entre outras actividades de ocio. As casas rurais e hoteis da zona tamén ofrecerán descontos neste Mes do Cocido de Entroido na Ribeira Sacra.
Programa de actividades
Para animar á xente a participar nestas xornadas de degustación do cocido o programa complétase con diversas actividades de ocio, entre as que destacan as visitas guiadas e gratuítas por Monforte de Lemos todos os sábados, ás 11:00, do 29 de febreiro ata o 21 de marzo. O 14 de marzo organizarase o cocido de meigas con actuación de batucada e obradoiros para nenos. O 21 de marzo haberá quedadas de motos para facer rutas pola Ribeira Sacra e O Courel. Para participar nestas actividades é necesario facer reserva previa no teléfono 982.412.050. Tamén, do 22 de febreiro ao 22 de marzo, poderase reservar rutas a cabalo con prezos especiais e profesor de equitación no teléfono 630. 426.038.
Ademais dos restaurantes, bares e cafeterías dos concellos de Monforte, Chantada, Bóveda, Pantón, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón, Quiroga, Folgoso do Courel e Portomarín, súmanse tamén a esta iniciativa establecementos hoteleiros (casas rurais, hoteis e pensións), que ofrecerán descontos especiais nas estadías durante este mes. Na web www.eparacomerlugo.com pódese consultar os establecementos participantes.