Nova edición da Feira de Oportunidades de Inverno a vindeira fin de semana en Monforte

Monforte de Lemos, 22 de febreiro de 2020. A vindeira fin de semana, os días 29 de febreiro e 1 de marzo, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos de Monforte celebrarase unha nova edición da Feira de Oportunidades de Inverno organizada polo Centro Comercial Urbano (CCU) e coa colaboración do Concello de Monforte.

No certame participarán 17 establecementos comerciais de Monforte: profesionais do sector da moda, calzado, bebé, complementos, decoración, mercería …. que ofertarán aos asistentes grandes descontos de fin de tempada, superando nalgúns casos o 70%.

O horario da Feira de Oportunidades de Inverno contempla xornadas de mañá e tarde:

  • O sábado 29 de febreiro abrirá de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 horas.
  • O domingo 1 de marzo o horario será de 11:00 a 13:30 e 17:00 a 20:30 horas.

Nas dúas xornadas, a entrada será gratuíta.

As feiras de oportunidades presentan cada ano máis atractivos, e cada vez máis clientes atopan nestes certames interesantes compras. Monforte conta cun importante nó comercial, onde se centran as compras da comarca e arredores. Nos últimos anos podemos salientar un importante desenvolvemento do comercio monfortino que, a través do seu Centro Comercial Urbano, está a traballar en prol da súa competitividade e calidade.

Do mesmo xeito, dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte apóianse iniciativas como estas que contribúen a dinamizar o comercio de proximidade e a fomentar o desenvolvemento deste tipo de negocios. O obxectivo é animar a todos os usuarios a que fagan as súas compras no comercio de Monforte.

Pódese atopar máis información e fotografías nas redes sociais do CCU de Monforte co hashtag #asoportunidadesdoccu e en www.ccumonforte.com. Tamén as redes sociais e a web do Concello de Monforte faranse eco da evolución deste evento.