O Alcalde anuncia a intervención do servizo público de xestión e explotación da Piscina municipal de Monforte e garante o cobro das nóminas ós traballadores

Monforte de Lemos, 11 de marzo de 2020. En rolda de prensa convocada hoxe ás 13:00 horas, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu conta das decisións adoptadas pola Xunta de Goberno Local, que se celebrou ás 12:00 horas en sesión extraordinaria e urxente, para abordar a situación da xestión e explotación da Piscina municipal climatizada, dos servizos de cafetería e demais incluídos na instalación, e das pistas de tenis municipais da Pinguela.

Deste xeito, o Alcalde informou primeiramente sobre os antecedentes que rodean á problemática da Piscina municipal, recordando que o pasado luns 2 de marzo, o Concello de Monforte “decidiu intervir a xestión da Piscina municipal debido as deficiencias que viñan ocorrendo na súa xestión, e que perturban o funcionamento da mesma, e polo tanto, o servizo ós cidadáns."

Deste xeito, déuselle á empresa adxudicataria, Alacer Ocio, un prazo de 10 días hábiles para que corrixira as deficiencias, e de non ser así, o Concello procedería á súa intervención. Transcorrido ese prazo, que rematou o pasado luns día 9, o Alcalde indicou que “non temos constancia de que se cumprira o que o Concello requiriu, que era xustamente corrixir esas perturbacións e esas deficiencias graves que se viñan producindo na xestión da piscina municipal”.

A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe á proposta do Alcalde, visto que transcorrido o prazo concedido de 10 días sen que o contratista acreditase a regularización das condicións de prestación do servizo, procedeu, segundo o especificado nos acordos tomados previamente, a facer executiva a intervención de dito servizo.

Ademais, os informes do técnico municipal de deportes, de data 21 de febreiro de 2020, que indican que a situación de falta de pagamento das nóminas que se lle deben por parte da empresa adxudicataria do servizo ós traballadores (que na actualidade acada xa na maioría dos casos as catro mensualidades) constitúe a causa principal das perturbacións ocasionadas na prestación do servizo; e os informes da unidade de Contratación e do Secretario, de data 10 de marzo de 2020, conclúen todos eles en que é necesario proceder a facer executiva a intervención do servizo da Piscina Municipal.

Polo exposto á Xunta de Goberno Local, propúxose a adopción dos seguintes acordos, e que foron lidos na súa integridade por Tomé Roca ante os medios de comunicación:

En primeiro lugar, facer executiva a intervención do servizo de xestión e explotación da Piscina municipal climatizada, dos servizos de cafetería e demais incluídos na instalación, e das pistas de tenis municipais da Pinguela, ante as graves perturbacións do servizo ocasionadas pola xestión empresarial que leva a cabo o contratista.

En segundo lugar, decidiuse nomear como interventor técnico que substitúa plenamente os elementos directivos da empresa adxudicataria, durante o tempo ó que se estenda a intervención, ó técnico municipal de deportes, D. Óscar Rodríguez Pérez. Dito interventor adoptará as decisións necesarias para, en nome da administración, encargarse directamente do funcionamento do servizo e da percepción dos dereitos establecidos, utilizando para tal fin o mesmo persoal e material do concesionario, sen que poida alterar as condicións de prestación. Singularmente, e de modo preferente, realizará tamén as xestións e trámites necesarios para regularizar as percepcións salariais dos traballadores, incluíndo a xestión das operacións de crédito precisas.

O terceiro acordo consistiu en establecer a duración temporal das medidas de intervención no período máximo que permite o artigo 135.1b) do Regulamento de Servizos das Corporacións Locais, é dicir, na terceira parte do prazo que resta para o termo da concesión, que aproximadamente, é algo máis de 4 meses.

En cuarto lugar, tomouse o acordo de notificar os presentes acordos ó concesionario, ó técnico municipal de deportes, á Tesorería General de la Seguridad Social, á Agencia Estatal Tributaria e á entidade avalista, así como dar traslado dos mesmos ós servizos económicos do Concello. Ditos certificados de notificación, indicou o Alcalde, xa se está elaborando para ser notificados hoxe mesmo ás entidades citadas.

E en quinto lugar, acordouse iniciar, polo órgano competente, expediente de resolución do contrato actual.

O Alcalde tamén explicou o diagrama de actuacións inmediatas para a intervención do servizo que serán as seguintes:

1º-Adopción de acordos pola Xunta de Goberno Local, que xa foi tomada hoxe.

2º-Notificación a ALACER, ó Técnico de Deportes, á Tesorería General de la Seguridad Social, á Agencia Tributaria e á entidade avalista, notificacións que se enviarán na maña de hoxe.

3º-Traslado ós departamentos municipais afectados.

4º-Normalización contas bancarias, que consistirá na apertura dunha nova conta nunha entidade bancaria para que poida operar con ela o interventor designado.

5º- Solicitude dunha operación de tesourería co aval municipal, xa que a empresa segue sendo a mesma, o único é que está intervida. Isto lévase a cabo para que o interventor poida ter capacidade económica, para poder levar a cabo as xestións correspondentes, e isto farase a través dunha póliza de crédito cunha entidade bancaria, que avala o concello. Unha vez quede establecida esta xestión da póliza de crédito, procederase ó abono das nóminas pendentes ós traballadores así como dos gastos necesarios para a continuidade do servizo (luz, combustible, etc).

6º- Estudo polo Interventor da situación económica da empresa.

7º- Análise de posibilidades de actuación, entre eles, ver se a empresa solicitou concurso ou non, se rexistrou solicitude no Concello, o acordo do Pleno de inicio resolución contrato, etc.

 

   

 

O Alcalde concluíu sinalando que “creemos que todos os informes presentados están en regra, e por iso tomamos esta decisión para tratar de resolver o grave problema que teñen neste momento os traballadores e que perturba ó funcionamento do servizo da Piscina municipal”. Do mesmo xeito, unha vez o Concello conte coa documentación e os informes técnicos necesarios, procederase a elaborar o correspondente prego técnico para sacar a concurso o servizo.

Unha vez rematada a rolda de prensa cos medios de comunicación, o Alcalde desprazouse co técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, ata as instalacións da Piscina Municipal onde mantivo unha reunión cos traballadores do servizo para “explicarlles de primeira man a resolución deste problema” e na que tamén lles garantiu a todos eles o cobro íntegro das nóminas pendentes, que se levará a cabo nos vindeiros días unha vez se resolvan as xestións bancarias pertinentes. Os traballadores manifestaron a súa alegría e alivio pola resolución dunha grave situación, na que moitos deles levan 4 meses sen percibir os seus salarios.