Monforte de Lemos, 2 de abril de 2020. Durante o pasado mes de marzo, efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), dentro do operativo denominado Operación Balmis posto en marcha polo Ministerio de Defensa en coordinación coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno de España para paliar os efectos do Covid-19, desprazáronse ata Monforte para levar a cabo tarefas de desinfección e limpeza ante este virus, así como de vixilancia xunto cos Corpos e Forzas de Seguridade.
No día de onte, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, púxose en contacto coa Subdelegada do Goberno de Lugo, Mª Isabel Rodríguez, para facerlle chegar unha petición formal solicitando unha nova intervención da UME, debido a que “o pasado luns día 30 de marzo, confirmouse o segundo caso positivo por coronavirus na Residencia de Geriatros, ubicada na rúa Morín, producindo un incremento da preocupación pola evolución que poida darse nos próximos días”, sinalou o Alcalde.
Deste xeito, o rexedor monfortino, solicitou “que novamente se desprace a Monforte un continxente da UME para volver a realizar labores de desinfección nos mesmos lugares públicos que na vez anterior”, é dicir:
- Hospital Comarcal de Monforte.
- Casa do Concello de Monforte.
- Residencia de Geriatros, na rúa Morín.
- Asilo de anciáns Fogar de San José.
- Residencia da Xunta de Galicia, no Malecón.
- Asimédica, na rúa Ourense.
Dende o inicio da crise sanitaria debido ó COVID-19, o exército tivo presencia en Monforte en tres ocasións, dúas veces para labores de control xunto coa Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local, e noutra ocasión para labores de desinfección.
O obxectivo desta nova petición de intervención non é outro que volver a desinfectar zonas e lugares da cidade nos que se concentran persoas que forman parte de colectivos de especial risco ante este virus. En verbas do Alcalde, “é moi importante que estean desinfectadas zonas da cidade que supoñen un potencial perigo por seren entornos que reúnen un constante movemento de xente. O noso obxectivo é manter os lugares de máis presencia de persoas o máis asépticos posible”.
Tomé Roca concluíu salientando que “dende o Concello, a través da empresa FCC, que é encargada da recollida do lixo e da limpeza viaria da cidade, seguimos levando a cabo labores diarias de desinfección, prestando especial atención á desinfección de rúas, papeleiras ou contedores, a fin de evitar a propagación deste virus COVID-19”.