O Alcalde de Monforte apraza o pago de impostos

Monforte de Lemos, 8 de abril de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia modificacións no período voluntario de pago tanto da taxa de lixo do primeiro bimestre de 2020 como do período voluntario de pago do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, cambios que se producen por mor do estado de alarma declarado polo Goberno do Estado a raíz da pandemia do COVID-19.

O Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, que declarou o estado de alarma en todo o territorio español, na súa disposición adicional terceira, estableceu a suspensión de 15 días dos prazos administrativos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público durante o prazo de vixencia do estado de alarma e, no seu caso, das prórrogas que se adoptaren.

A suspensión de termos e a interrupción de prazos aplícase a todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Isto levou ás entidades locais a entender comprendidos na devandita regulación aos procedementos tributarios das súas respectivas Facendas.

Con todo, o Real Decreto 465/2020 do 18 de marzo, que veu a modificar o Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, deixou constancia da explícita exclusión da devandita regulación dos procedementos tributarios por tratarse de normativa especial. Do mesmo xeito, produciuse unha ampliación de prazos para procedementos xa iniciados á data da aprobación do Real Decreto-Lei 8/2020 ata o 30 de abril.

En concreto, no Concello de Monforte de Lemos, o 13 de abril era o día en que estaba previsto que se iniciase o período voluntario de pago do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), que se estendería ata 14 de xuño. En canto á taxa pola recollida de lixo do primeiro bimestre de 2020, o seu inicio estaba previsto o día 27 de abril e ata o 29 de xuño.

Sen embargo, “dada a situación de excepcionalidade que estamos a vivir por mor da crise do coronavirus”, informa o Alcalde de Monforte, “dende o Equipo de Goberno creemos axeitado modificar o período voluntario de pago tanto da taxa do lixo correspondente ó primeiro bimestre deste ano 2020 como do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do exercicio 2020”.

Deste xeito, o Alcalde asinou, con data de onte, o decreto que determina este cambio nas datas do período voluntario de pagos, que en ambos casos, tanto na taxa do lixo como para o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, queda establecido entre o 1 de xuño e o 31 de xullo de 2020, con base no disposto no artigo 62.3 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria. No caso de que calquera das datas indicadas sexan coincidentes cun día festivo, trasladaranse as mesmas ó día hábil posterior.

“O obxectivo con esta nova medida ante o COVID-19”, concluíu Tomé Roca, “é favorecer ós nosos veciños e veciñas, xa que agardamos que, cando comece a andar este novo período de pago que vimos de aprazar, vivamos nunha situación de máis normalidade, na que a economía volva a estar en marcha, na que a xente estea de novo traballando, e poder afrontar así en mellores condicións o pago destes impostos”.

 DECRETO APRAZAMENTO PRAZOS LIXO 1º BIMESTRE E IVTM 2020