O Alcalde bonifica ata o 95% das taxas dos taxis e dos postos da Praza de Abastos de Monforte

Monforte de Lemos, 22 de abril de 2020. Seguindo coa liña de traballo que ven levando a cabo o Equipo de Goberno de Monforte, o Alcalde, José Tomé Roca, ven de asinar tres Decretos para beneficiar ós praceiros da Praza de Abastos, ós taxistas da cidade, ás empresas que teñen alugados o Centro do Viño e o Centro Cívico do Malecón, e tamén as instalacións do campo municipal Luis Bodegas.

“Dende o Concello”, informa o Alcalde, “queremos seguir tomando medidas para axudar a levar da mellor maneira posible esta situación de dificultade, derivada da crise sanitaria que provocou o estado de alarma”. Así, estas novas medidas adóptanse no contexto derivado da situación de emerxencia xerada pola evolución do COVID-19, levou ao Goberno de España decretar o estado de alarma polo Real Decreto Lei 463/2020, de 14 de marzo, para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada.

En consonancia con esta situación, todas as administracións e particularmente o Concello de Monforte, ditaron diferentes normas para tratar de reducir o avance dos contaxios desta enfermidade así como paliar os efectos negativos que as circunstancias extraordinarias actuais están a xerar.

Neste senso, o rexedor municipal salientou que “foron xa 15 os Decretos que levo asinados con medidas concretas, e no día de hoxe, entran en vigor outros 3 decretos que van beneficiar a autónomos e pequenas empresas de Monforte”.

Concretamente, as medidas que adoptou o Equipo de Goberno do Concello, teñen que ver coas empresas que desenvolven actividades de explotación e uso en diversas instalacións municipais así como en espazos de uso público.

 

Decreto de redución das taxas de taxis e dos postos da Praza de Abastos

Respecto da “Taxa por estacionamento nas vías públicas dos autotaxis e demais vehículos de alugueiro” e a “Taxa por utilización do dominio local no Mercado ou Praza de Abastos e nos seus espazos e servizos anexos” que se abonan ó Concello de Monforte, pola ocupación da vía pública ou pola utilización privativa de bens de dominio público municipal, o Alcalde, en virtude das atribucións que lle confire o art. 21 da Lei 7/1985, de 2 de abril, tomou a seguinte medida, coa finalidade de minimizar as consecuencias derivadas da diminución da actividade derivada da adopción das referidas medidas de emerxencia:

Reducir as taxas que se abonan neste Concello como contraprestación económica derivada da “Taxa por estacionamento nas vías públicas dos autotaxis e demais vehiculos de alugueiro” e da “Taxa por utilización do dominio local no Mercado ou Praza de Abastos e nos seus espazos e servizos anexos”, nun importe do 95%, que é o máximo que permite a Lei.

Esta redución que terá efectos durante todo o período de vixencia da declaración do estado de alarma, e polo tanto con efectos económicos do día 14 de marzo de 2020, data de entrada en vigor do polo Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo (DF3ª).

 DECRETO REDUCIÓN TAXA TAXIS E POSTOS PRAZA DE ABASTOS

 

Decretos de suspensión de pagos do alugueiro de diversas instalacións municipais

Co mesmo obxectivo de contribuír a minimizar os efectos económicos derivados pola actual crise do Coronavirus, o Alcalde asinou outros dous decretos de suspensión do pago da contraprestación económica derivada da explotación do uso de diversas instalacións municipais.

Dunha banda, o primeiro dos decretos recolle a suspensión de pagamento do alugueiro do bar-cafetería e instalacións complementarias do Centro Cívico así como da Tapería do Centro do Viño. En ambos casos, para as empresas que explotan estes servizos, a suspensión de pagamentos terá efectos durante todo o período de vixencia da declaración do estado de alarma, e polo tanto con efectos económicos do día 14 de marzo de 2020, data de entrada en vigor do polo Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo.

 DECRETO SUSPENSIÓN PAGOS CAFETERÍA CENTRO CÍVICO E TAPERÍA CENTRO DO VIÑO

Doutra banda, e ó igual que no caso anterior, a suspensión de pago por alugueiro e uso de instalacións municipais inclúe o bar-cafetería do campo municipal Luis Bodegas.

 DECRETO SUSPENSIÓN PAGOS CAFETERÍA CAMPO MUNICIPAL LUIS BODEGAS

En todos os casos, dende o Concello procedeuse a notificar cada presente resolución tanto ós propios interesados, os taxistas da cidade, os praceiros da Praza de Abastos e as empresas que xestionan instalacións no Centro Cívico, Tapería do Centro do Viño e campo Luis Bodegas, así como ós empregados públicos con responsabilidades na tramitación das correspondentes facturas xiradas por estes conceptos.

“Son medidas”, concluíu o Alcalde, “para axudar ó noso tecido produtivo, e nos vindeiros días iremos tomando máis medidas que beneficien ós veciños e veciñas de Monforte”.