O Concello de Monforte renova a sinalización vial horizontal de diversas rúas e zonas da cidade

Monforte de Lemos, 4 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu conta hoxe do inicio dos traballos de renovación da sinalización vial horizontal na cidade, traballos que foron adxudicados á empresa Barreiras de Seguridad S.L. por un importe de 31.912,09 euros (IVE engadido).

A adxudicación desta obra de mellora tivo lugar a finais de setembro de 2019 pero as adversas circunstancias climatolóxicas, aínda que permitiron o inicio dos traballos, non fixeron posible a súa consecución total dos mesmos nin poder retomar a actividade dunha forma continuada. A estas circunstancias uniuse tamén a crise sanitaria derivada do COVID-19, que dificultou o desenvolvemento deste tipo de actuacións e obras.

Deste xeito, unha vez que as autoridades sanitarias permiten a posibilidade de executar obras deste tipo e dado que nos vindeiros días as previsións climatolóxicas parecen favorables, dende o Concello decidiuse retomar estes traballos de mellora en diferentes rúas da cidade.

Actuacións en 16 rúas e zonas da cidade

O proxecto de mellora de renovación da sinalización vial horizontal abarca 16 rúas e zonas da cidade. En concreto os traballos abordan o pintado de bandas de pasos de peóns, isletas, liñas de detección, reservas de usuarios, reserva de carga e descarga así como a sinalización horizontal que atinxe ó tráfico de vehículos (sinais de dirección, stop, ceda o paso, marcas brancas de liña continua/descontinua, liñas amarelas, etc.)

En total, estas accións de mellora suporán o repintado dun total de 3.127 metros cadrados e de 15.029 metros lineais.

As actuacións, que se desenvolverán nas vindeiras semanas sempre que a climatoloxía o permita, afectan ás seguintes rúas e zonas da cidade:

 

  • Rúa Benito Vicetto: tramo dende o inicio ata enlace con rúa Malvarón e Molinos de Antero.
  • Rúa Valle-Inclán: tramo dende inicio a rúa Arosa-Paso a nivel.
  • Rúa Leopoldo Calvo Sotelo e anexos laterais.
  • Avenida de Galicia: tramo dende inicio a cruce con rúa Conde.
  • Rúa Cardenal e Praza Puente Fontecha, ata glorieta de acceso ó estacionamento do Parque dos Condes.
  • Rúa Compañía dende glorieta de acceso ó estacionamento do Parque dos Condes a enlace rúa Paseo de Lugo.
  • Rúa Paseo de Lugo e rúa Dalmiro de la Valgoma.
  • Rúa Reboredo: tramo dende o número 1 a enlace coa rúa San Lázaro (antes do paso a nivel).
  • Rúa Chantada: dende inicio a glorieta de enlace con Ronda María Emilia Casas Baamonde.
  • Rúa Ourense: tramo dende enlace con Avenida de Galicia a enlace con Rúa do Río.
  • Rúa Roberto Baamonde e anexos de vías laterais.
  • Rúa San Pedro e anexos de vías laterais.
  • Rúa Escultor Francisco Moure: tramo dende a Compañía ata paso a nivel.
  • Rúa Doutor Casares: tramo dende enlace con rúa San Pedro ata inicio rúa Morín.
  • Rúa Huertas e anexos laterais.
  • Rúa Ourense de inicio a rúa Chantada e Campo de San Antonio.