O Concello volve a poñer en marcha o Autobús Urbano de Monforte dende o próximo luns día 11

Monforte de Lemos, 9 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de asinar un decreto a través do cal levanta a suspensión da prestación do Servizo Municipal de Transporte urbano, que volverá a estar operativo dende este luns día 11 de maio do 2020.

O servizo de transporte público de viaxeiros foi suspendido o pasado 14 de marzo por mor do Estado de Alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise do COVID-19. Dende o Equipo de Goberno do Concello, decidiuse suspender temporalmente este servizo, debido a que o vehículo podía converterse nun espazo de alto risco de contaxio por parte dos seus usuarios.

A recente posta en marcha do Plan para a Transición para a Nova Normalidade do Goberno de España, que prevé a desescalada por fases do confinamento, permitiu a reactivación deste servizo de transporte urbano en Monforte, toda vez que o vindeiro luns dará comezo en Galicia o inicio da Fase 1 da citada desescalada.

No decreto asinado polo Alcalde para a reactivación deste servizo, tamén se recollen as medidas indicadas polas autoridades sanitarias para o uso do bus urbano, que deberán ser seguidas por todas as persoas que fagan uso deste servizo.

As medidas de seguridade e saúde son as seguintes:

  • O uso de mascarillas que cubran o nariz e a boca será obrigatorio para todos os usuarios do transporte de autobús urbano. Neste senso, e para facilitar o cumprimento desta norma e garantir a seguridade e a saúde de todos os usuarios do bus urbano, o Concello proporcionou á empresa encargada deste servizo 2.000 mascarillas sanitarias para que o condutor llas proporcione ós usuarios que suban ó bus e non dispoñan dela, xa que é obrigatorio o seu uso nos transportes públicos.
  • Os traballadores do servizo de transporte que teñan contacto directo cos viaxeiros deberán ir provistos de mascarillas e ter acceso ás solución hidroalcohólicas para practicar unha hixiene de mans frecuente.
  • Procurarase a máxima separación posible entre os viaxeiros, de tal maneira que non poderán ser ocupados máis da metade das prazas dispoñibles respecto do máximo permitido, eliminando as prazas de pé.
  • Sendo as filas dos autobuses de 3 asentos, unicamente poderán ser ocupadas deixando un asento libre entre os usuarios, utilizando as prazas dos extremos, poderán ter unha ocupación máxima de dous usuarios por fila de asentos, respectando en calquera caso as limitacións sinaladas nos puntos anteriores.
  • En todo caso, nos autobuses se manterá sempre baleira a fila posterior á butaca ocupada polo condutor.

O autobús urbano de Monforte fará dende o luns día 11 os seus itinerarios e horarios habituais, a fin de proporcionar ós monfortinos e monfortinas o mesmo servizo que viña ofrecendo antes do inicio da crise do COVID-19.

 DECRETO LEVANTAMENTO DE SUSPENSIÓN DO TRANSPORTE URBANO DE MONFORTE

 

Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día

O pasado 11 de abril, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer os primeiros datos en canto a número de pasaxeiros do novo autobús urbano de Monforte, un autobús que comezou a súa actividade o pasado 1 de febreiro.

Deste xeito, o Alcalde informou de que “o novo bus urbano de Monforte transportou, en mes e medio, máis persoas que en todo o ano anterior. En concreto, no mes de febreiro e na primeira metade do mes de marzo utilizaron o novo servizo de bus urbano unhas 6.000 persoas, o que supón case 1.000 persoas máis que en todo o ano 2019, todo un éxito para este novo servizo de trasporte público municipal”.

Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, durante o pasado mes de febreiro foron 3.886 os viaxeiros do bus urbano monfortino, mentres que do 1 ó 14 de marzo, contabilizáronse 2.013 pasaxeiros. En total, en mes e medio de funcionamento do servizo, alcanzáronse os 5.989 usuarios.

Co levantamento da suspensión do servizo de transporte público en Monforte, que volverá a estar operativo dende este luns, o rexedor monfortino espera “que os monfortinos e monfortinas podan volver a facer uso do bus urbano gratuíto da cidade, no que garantiremos as medidas de hixiene e seguridade de todos os usuarios, e que agardamos facilite a mobilidade responsable da nosa cidadanía”.

O novo bus urbano de Monforte é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.