Monforte de Lemos, 12 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou na tarde de onte a acta de recepción de fin de obra de pavimentación da rúa do Cardenal, acto que se desenvolveu na propia rúa do Cardenal e no que estivo acompañado polo director de obra, Ramón Fernández, así como polo representante da empresa á que foi adxudicada, Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U., José Manuel Fernández, a 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé.
Esta importante obra de mellora, que supón para Monforte, en verbas do Alcalde “a recuperación da que é a rúa escaparate da nosa cidade, a rúa máis emblemática pola que veciños e visitantes, nalgún momento pasan”, foi rematada xusto a tempo para coincidir co inicio da 1ª Fase de Desescalada decretada polo Goberno de España ante a crise do coronavirus. Este aspecto é moi importante, xa que dende onte, “co remate oficial das obras de pavimentación, os locais de hostalería ubicados nesta rúa poderán instalar e poñer en funcionamento as súas terrazas e, do mesmo xeito, as tendas que teñan permitida a súa apertura nesta fase, poderán facelo contando cos accesos ás súas instalacións rematados”, destacou o rexedor municipal.
O proxecto desta obra de mellora foi redactado en setembro de 2019 polo arquitecto Ramón Fernández da empresa Abante, quen tras levar a cabo varias análises en sucesivas visitas á rúa do Cardenal, puxo de relevancia a necesidade dunha reforma integral de dita rúa. O proxecto de pavimentación da rúa foi aprobado nun Pleno Ordinario municipal celebrado o día 30 de setembro de 2019.
A obra foi adxudicada no mes de xaneiro de 2020 á empresa OVISA, que presentou unha oferta por un prezo total de 280.720 euros (IVE engadido) e o financiamento deste proxecto de mellora fíxose a partir de remanentes provintes de fondos municipais.
Aínda que o prazo de execución era inicialmente de 56 días, este prazo foi ampliado por causa da declaración do Estado de Alarma derivado da crise do COVID-19, rematando deste xeito a obra de pavimentación do Cardenal a pasada semana.
Este proxecto enmárcase dentro do plan do Equipo de Goberno do Concello de mellorar as infraestruturas e servizos da cidade, algo que se levou a cabo en máis de 80 rúas da cidade durante o anterior mandato e que continua nos meses que levan transcorridos da nova etapa de goberno.
Reforma integral da rúa do Cardenal
A reforma integral concebida para a mellora do pavimento da rúa do Cardenal, supuxo unha actuación que abarcou aproximadamente uns 2.222 m2 de superficie, e que consistiu nas seguintes accións previas:
- En primeiro lugar, procedeuse a levantar todo o pavimento, todas as lousas de granito, dende o entronque coa praza de España ata o entronque coa avenida de Galicia. E levouse a cabo de forma manual, co obxectivo de aproveitar ó máximo as lousas que estivesen en bo estado. Neste senso, os encargados do proxecto revisaron lousa a lousa -arredor de 5.000- para determinar cales presentaban algunha deficiencia e cales eran válidas; así estimouse que algo máis do 50% das lousas de granito estaban en bo estado e poderían ser reutilizadas na nova pavimentación.
- Levantáronse tamén os alcorques de adoquín que rodeaban ás árbores, así como a terra que había debaixo deles. O obxectivo foi nivelar esta zona de árbores e corrixir as raíces secundarias dos mesmos que fosen moi altas e dificultasen a colocación do novo pavimento. Deste xeito, procedeuse ó nivelado de toda a rúa.
- Desmontáronse todos os elementos de mobiliario urbano da rúa: bancos, papeleiras, arquetas, tapas de rexistro, barandas dos locais de hostalería, bolardos, o quiosco, sinais, o mupi informativo, etc..
- Levantouse tamén a franxa central de canalización de augas pluviais, a cal volveuse a instalar ben nivelada e canalizada, unha vez se colocaron as novas lousas de granito. Do mesmo xeito, tamén se levantou o bordiño de pedra de acceso á avenida de Galicia, que se volveu refacer no transcurso das obras de mellora.
- Do mesmo xeito, levantouse a instalación e as luminarias existentes no pavimento antigo.
Rematadas estas accións previas, procedeuse á:
- Colocación de lousas de granito de 12 cm. de grosor sobre firme de formigón. Entre cada unha delas deixáronse 3 mm de separación e foron posteriormente seladas con formigón de alta calidade, para propiciar un espazo de dilatación entre cada unha delas que impida choques ou rupturas ante altas temperaturas.
- Instalado o novo pavimento, levouse a cabo unha limpeza integral de todo o conxunto de lousas con chorro de auga e area para harmonizar e igualar as cores das pedras reutilizadas (eliminando manchas e suciedade) con respecto ás lousas de nova colocación.
- Aproveitando esta obra de mellora, tamén se deixaron instaladas zanxas entubadas para diferentes usos en relación con futuras instalacións de canalización de cableado eléctrico, de internet ou telefónico, a fin de facilitar ás empresas que proporcionan estes servizos futuras instalacións sen que sexa necesario levantar a rúa.
- Do mesmo xeito, foron colocados todos os elementos de mobiliario urbano retirados para a execución das obras.
- Finalmente, tamén se procedeu á instalación de 19 luminarias para alumeado público ornamental con tecnoloxía LED 100 W.
A execución desta obra desenvolveuse, para non interromper totalmente o tráfico da rúa do Cardenal, en dúas fases, primeiro actuando sobre unha metade da rúa, en sentido lonxitudinal, e unha vez rematada esta primeira fase, abordouse a outra metade da rúa.
A empresa OVISA ofertou como melloras a instalación das canalizacións soterradas para a futura colocación de liñas eléctricas e de telecomunicacións, e a ampliación do prazo de garantía por 1 ano completo a todo risco, a maiores do prazo de garantía de 1 ano que se establece obrigatoriamente neste tipo de contratos.
Deste xeito, o novo pavimento do da rúa do Cardenal contará con 2 anos de garantía, cuberta por unha póliza de seguro de todo risco de construción, co cal, durante eses 2 anos o Concello non terá que destinar fondos municipais á reparación de posibles deficiencias ou desperfectos na obra, sendo executada para elo dita garantía.
O Alcalde destacou que “co fin desta obra, dende o Equipo de Goberno damos cumprimento ó compromiso que adquirín, ó inicio deste novo mandato, de arranxar o grave problema que supuña o pavimento na rúa Cardenal, e hoxe creo que podo afirmar que cumprimos con ese obxectivo. Estamos ante unha rúa do Cardenal nova, que ofrece todos os elementos para para que os monfortinos e monfortinas disfruten dela con totais garantías”.