Monforte de Lemos, 7 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que a Brigada Municipal de Parques e Xardíns do Concello vai proceder este martes, 9 de xuño, a acometer os traballos de limpeza da vexetación superficial que se foi acumulando nestes últimos meses na Ponte Vella. En concreto, as tarefas van consistir no corte da maleza e limpeza das herbas para resaltar a beleza do monumento.
Para a realización destes traballos, que se prolongarán durante toda a mañá, vai ser necesario empregar un guindastre. Por este motivo, os vehículos e os peóns non van poder pasar sobre a Ponte e a policía local manterá cortado o acceso toda a mañá, concretamente dende as 7:30 horas e a partir das 8 horas darán comezo os mencionados traballos de limpeza.
O Alcalde salientou que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno contemplou dende o principio. A Ponte Vella é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o disfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.
Neste senso, o mandatario municipal recordou que, “tras presentar este pasado luns o proxecto da Ponte Nova do Malecón sobre o Río Cabe, unha ponte que será semellante á antiga Ponte de Ferro que caeu nos anos 50 do pasado século XX, cando a Nova Ponte sexa unha realidade no horizonte de este mandato, a Ponte Vella, pasará a ser peonil, para conservar o monumento, para o disfrute da xente e para contemplar placidamente a paisaxe río arriba e río abaixo sen o agobio dos coches.”