O Xurado falla o Concurso de Ideas da Ponte Nova de Ferro de Monforte a favor do proxecto denominado “Mercedes”

Monforte de Lemos, 22 de xuño de 2020. Na mañá de hoxe, o Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu a primeira das reunións do Xurado do Concurso de Ideas para a Ponte Nova de Ferro que se ubicará no Malecón de Monforte de Lemos, xurado que procedeu a valorar as  ofertas técnicas recibidas a cargo de 7 licitadores.

O Xurado estivo presidido polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e formaron parte do mesmo o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, dous enxeñeiros designados pola Universidade da Coruña, dous enxeñeiros designados polo Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia, e dous enxeñeiros pertencentes á Deputación Provincial de Lugo.

 

Criterios de valoración

Tal e como establecen as bases deste Concurso de Ideas sobre a Ponte Nova de Monforte, as 7 propostas foron analizadas polo xurado constituído a tal efecto, unha análise na que tiveron en conta a premisa indispensable determinada para participar neste concurso de ideas: todas as propostas debían ter como referencia básica a antiga Ponte de Ferro que estaba situada no lugar que ocupa a actual ponte nova na Avenida de Galicia (unha ponte que caeu nos anos 50 do pasado século XX). É dicir, os deseños propostos debían gardar semellanza con dita Ponte de Ferro.

Os criterios de valoración do xurado foron os seguintes:

  • Calidade técnica da proposto no seu conxunto e a súa adecuación ó programa de necesidades: 40 puntos.
  • Criterios de calidade medioambiental e sostenibilidade: 40 puntos.
  • Grado de viabilidade técnica e económica: 20 puntos.

 

Proxecto gañador: “Mercedes”

Logo das puntuacións outorgadas por cada un dos 7 membros do xurado en base ós criterios de valoración anteriormente descritos, o Xurado por unanimidade dos seus membros acordou establecer a orde de puntuación dos licitadores concorrentes do seguinte xeito:

  1. MERCEDES...................................................... 643 puntos
  2. CAMIÑOS DA PONTE NOVA............................ 578 puntos
  3. ALBO100......................................................... 566 puntos
  4. MONFORTEFERRO.......................................... 518 puntos
  5. LEMBRANZAS.................................................. 498 puntos
  6. XEITO............................................................... 453 puntos
  7. UNHA BALCONADA ENRRIBA DO RÍO CABE.... 449 puntos

 

O vindeiro xoves día 25 de xuño celebrarase unha nova reunión do Xurado, na que se dará a coñecer o nome do autor ou autora do proxecto gañador. Esta reunión terá lugar ás 18:00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial de San Marcos, en Lugo, e nela procederase á apertura do sobre 1 no que consta a identidade e a solvencia da persoa concorrente.

Quen resulte finalmente elixido non recibirá un premio en metálico, senón que o premio para a proposta escollida como gañadora será a redacción do proxecto construtivo da Ponte Nova e a dirección de obra durante a súa construción.


Membros do xurado valorando as diferentes ofertas técnicas presentadas

Membros do Xurado

  • José Tomé Roca, Alcalde de Monforte.
  • Félix Nieto Mouronte, enxeñeiro da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña.
  • Aitor Baldomir García, Titular da área de Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estruturas da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña.
  • Juan José Vázquez Cerreda, en representación do Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia.
  • Fernando Corbal Debén, en representación do Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia.
  • José Antonio Mondelo Rodríguez, Xefe do Servizo de Expropiacións e Control de Proxectos da Deputación Provincial de Lugo.
  • Darío Ferreiro Otero, enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, Adxunto Xefe do Servizo de vías e obras da Deputación Provincial de Lugo.
  • José Antonio Mourelle Cillero, Secretario Xeral do Concello de Monforte.