Monforte de Lemos, 25 de xuño de 2020. O pasado 12 de abril, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, comunicou ós veciños e veciñas da cidade que os actos pola festividade do Martes de Pascua, que este ano celebraríase o día 14 de abril, tiñan que ser aprazados, dada a imposibilidade de celebrar este tipo de actos litúrxicos por mor do estado de alarma decretado por aquel entón ante a pandemia do COVID-19.
Unha vez superada a Fase III do Plan para a transición cara unha Nova Normalidade, o Alcalde mantivo unha conversa co párroco Don Rafael, na que o mandatario propúxolle a celebración das honras á Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat, para este martes 30 de xuño, proposta que foi aceptada polo sacerdote.
Así, a partir das 20:30 horas, terá lugar primeiramente a celebración na Igrexa da Régoa dunha misa na honra da Virxe de Montserrat, dado que a Igrexa de San Vicente, lugar que tradicionalmente acolle estes actos litúrxicos, segue pechada debido ás obras de restauración que nela se están a levar a cabo.
Tras a celebración eucarística, procederase a celebrar unha procesión coa imaxe da Virxe de Monserrat polo atrio da Igrexa da Régoa.
Finalmente, tal e como marca a tradición, o Alcalde de Monforte renovará os votos coa Virxe e procederase á bendición dos campos. Finalmente, a imaxe volverá ó altar da Igrexa da Régoa, que é onde se mantén exposta mentres duren as obras de restauración da Igrexa de San Vicente.
O Alcalde agradece a colaboración das Camareras da Virxe, encabezadas por Dª María Jesús, que como cada ano xogan un papel importante na celebración dos actos da Patroa de Monforte.
“Dende o Equipo de Goberno do Concello, comprometémonos, ante a crise do coronavirus, a manter esta importante tradición dos monfortinos na honra á nosa Patroa, a Virxe de Montserrat, e deste xeito, dado que o actual estado de Nova Normalidade nos permite a súa celebración, levarémola a cabo o vindeiro martes”, indicou o Alcalde.
Neste senso, o Alcalde tamén salientou que na celebración das honras á Virxe de Monserrat seguiranse as normas de seguridade e hixiene determinadas polas autoridades sanitarias por mor do COVID-19, e recoméndase o uso de mascarilla ou gardar a distancia social a todos os veciños e veciñas que acudan a este importante e tradicional acto.