Monsa Urbanismo S.L. gaña o concurso de ideas da Ponte Nova de Ferro de Monforte

Monforte de Lemos, 25 de xuño de 2020. Na tarde de hoxe, tivo lugar a segunda das reunións do Xurado do Concurso de Ideas para a Ponte Nova de Ferro que se ubicará no Malecón de Monforte de Lemos.

Nesta segunda xuntanza, o Xurado procedeu a apertura do sobre nº 1 que conten o nome de cada unha das 7 empresas ou persoas que presentaron as ofertas técnicas deste concurso, así como a documentación administrativa requirida para o mesmo.

Deste xeito, o Alcalde, José Tomé Roca, anunciou que o proxecto baixo o lema “Mercedes” que obtivera a maior puntuación tras a valoración do Xurado das 7 ofertas técnicas presentadas, e que foi dado a coñecer tras a reunión celebrada o pasado luns día 22 de xuño, corresponde á empresa lucense Monsa Urbanismo S.L.

Neste senso, o Xurado, tras comprobar que a documentación presentada neste sobre nº 1 era a correcta de acordo coas bases do concurso, procedeu a emitir a correspondente acta que na que se inclúe a proposta gañadora que resolve dito concurso, e que é vinculante.

O Xurado estivo presidido, ó igual que na xuntanza do pasado luns, polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e formaron parte do mesmo o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, dous enxeñeiros designados pola Universidade da Coruña, dous enxeñeiros designados polo Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia, e dous enxeñeiros pertencentes á Deputación Provincial de Lugo.

Tras a decisión do xurado, mediante decreto de Alcaldía, procederase á establecer como gañador deste concurso de ideas a Monsa Urbanismo S.L. Do mesmo xeito, tamén a través deste decreto darase orde do inicio do expediente de adxudicación, por procedemento negociado sen publicidade, do contrato para a redacción do proxecto e da dirección de obra.

Cabe recordar que o gañador deste Concurso de ideas non recibe un premio en metálico, senón que o premio para a proposta gañadora é a redacción do proxecto construtivo da Ponte Nova e a dirección de obra durante a súa construción.

Unha vez adxudicado o contrato do servizo, esta empresa lucense adxudicataria do Proxecto da Ponte Nova de Ferro de Monforte terá un prazo de 4 meses para a redacción do mesmo, coa supervisión dos servizos técnicos do Concello.

 

Exposición pública dos 7 proxectos presentados a concurso

O Alcalde tamén anunciou que nos próximos días as 7 propostas presentadas a este concurso serán dadas a coñecer mediante exposición pública para que podan ser coñecidas por todos os veciños e veciñas de Monforte.

 

Proxecto gañador: “Mercedes” de Monsa Urbanismo S.L. (Lugo)

Logo das puntuacións outorgadas por cada un dos 7 membros do xurado, o Xurado por unanimidade dos seus membros acordou establecer a orde de puntuación dos licitadores concorrentes do seguinte xeito:

  1. MERCEDES, de Monsa Urbanismo S.L. (Lugo)........................................................................................................................643 puntos
  2. CAMIÑOS DA PONTE NOVA, de Proyectos y Obras de Estructuras e Inst.......................................................................... 578 puntos
  3. ALBO100, de Adriana Rodríguez González (Ferreira de Pantón, Lugo).................................................................................. 566 puntos
  4. MONFORTEFERRO, de Consultora de Ingeniería, Medio Ambiente y Arquitectura SL. Cimarq SL (A Coruña)................518 puntos
  5. LEMBRANZAS, de Temha S.L. (José Antonio González Meijide, Oleiros, A Coruña) ...............................................................498 puntos
  6. XEITO, de Fhecor Ingenieros-Consultores SA (Javier Dorrico Liz, Madrid) ........................................................................... 453 puntos
  7. UNHA BALCONADA ENRRIBA DO RÍO CABE de Francisco Valiente. Arquitecto Ingeniero S.L. (Valencia)....................... 449 puntos

 

Membros do Xurado

  • José Tomé Roca, Alcalde de Monforte.
  • Félix Nieto Mouronte, enxeñeiro da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña.
  • Aitor Baldomir García, Titular da área de Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estruturas da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña.
  • Juan José Vázquez Cerreda, en representación do Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia.
  • Fernando Corbal Debén, en representación do Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia.
  • José Antonio Mondelo Rodríguez, Xefe do Servizo de Expropiacións e Control de Proxectos da Deputación Provincial de Lugo.
  • Darío Ferreiro Otero, enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, Adxunto Xefe do Servizo de vías e obras da Deputación Provincial de Lugo.
  • José Antonio Mourelle Cillero, Secretario Xeral do Concello de Monforte.