O Concello de Monforte adxudica as prazas dos Campamento Deportivo de Verán e do XIV Campus de Fútbol

Monforte de Lemos, 29 de xuño de 2020. Na mañá de hoxe o Concello de Monforte procedeu á adxudicación de prazas para participar tanto no Campamento Deportivo de Verán coma no XIV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R. C. Celta de Vigo.

Foron un total de 284 as solicitudes de preinscrición que se rexistraron, para participar nalgunha das quendas do campamento ou no campus de fútbol, durante o período de preinscricións, que tivo lugar entre o 16 e o 25 de xuño.

A distribución das solicitudes, segundo períodos de tempo ofertados polo Concello, foi a seguinte:

  • Preinscricións na 1ª quenda do Campamento Deportivo (do 13 ó 24 de xullo): 99 solicitudes.
  • Preinscricións na 2ª quenda do Campamento Deportivo (do 27 de xullo ó 7 de agosto): 65 solicitudes.
  • Preinscricións na 3ª quenda do Campamento Deportivo (do 10 ó 21 de agosto): 39 solicitudes.
  • Preinscrición no XIV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo (do 3 ó 7 de agosto): 81 solicitudes.

 

Tanto na primeira quenda do Campamento Deportivo como no Campus de Fútbol se rexistraron máis solicitudes que prazas ofertadas (eran 80 as prazas por quenda) o que obrigou a aplicar os criterios establecidos de reparto de prazas e a realizar un sorteo das mesmas.

Para elo procedeuse á creación dunha comisión integrada por José Manuel Mougán, Concelleiro de Deportes, Óscar Rodríguez, Técnico Municipal de Deportes, e Elisa Martínez Arias, Funcionaria do Departamento de Secretaría, actuando esta última como Secretaria da comisión.

Tanto na segunda como na terceira quendas do Campamento Deportivo a todas as persoas que o solicitaron, adxudicouselles a súa praza.

Dende o Concello, unha vez adxudicadas todas as prazas, procedeuse á publicación, na páxina web municipal, do listado de adxudicación das prazas, así como das listas de agarda (Consultar no documento incluído na parte inferior desta noticia)

 

Prazos e formalización de matrícula

A partir de mañá martes 30 de xuño e ata o mércores 8 de xullo, todas as persoas con praza adxudicada deberán formalizar a súa matrícula.

Para elo deberán presentar a seguinte documentación, ben nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude ou ben a través do correo electrónico deportes@concellodemonforte.com :

  • Instancia de matrícula.
  • De ser o caso, certificado de discapacidade no que quede constancia a non necesidade de axuda de terceira persoa.
  • No caso de familia numerosa, documentación acreditativa correspondente expedida polo órgano competente.
  • Fotocopia do DNI do pai, nai ou titor/a legal.
  • Fotocopia do DNI do/a menor ou libro de familia no caso de non ter DNI.
  • De ser o caso fotocopia do DNI da persoa/as autorizadas a recoller ó menor.
  • De ser o caso declaración responsable de que os dous proxenitores estean traballando na data de solicitude dos campamentos (segundo modelo de declaración que acompaña á instancia de matrícula).
  • De ser o caso declaración responsable de pertenza a familia monoparental (segundo modelo de declaración que acompaña á instancia de matrícula).
  • Declaración responsable  onde garantan que a saúde do neno/a nos últimos 15 días foi a axeitada e non sufriu ningún síntoma asociado ó COVID-19 así como que non estivo en contacto con ninguén con dita sintomatoloxía (segundo modelo de declaración que acompaña á instancia de matrícula).

Para realizar o pago da matrícula se enviará ó correo electrónico designado na preinscrición a carta de pago correspondente coa súa inscrición. O pago poderano facer na entidade bancaria Abanca, presentando a carta de pago, ou a través da pasarela de pagos habilitada na páxina web www.monfortedelemos.es. Tamén se poderá recoller a carta de pago nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude.

A data límite para presentar toda a documentación requirida e proceder ó pago da matrícula é o 8 de xullo.

Tanto na segunda como na terceira quendas do Campamento de Verán será posible matricularse ata rematar as prazas ofertadas.

O Alcalde, José Tomé Roca, valorou moi positivamente o éxito en canto ó número de solicitudes presentadas e agarda que todos os “nenos e nenas finalmente inscritos poidan disfrutar dunhas vacacións practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros, á vez que propiciamos a conciliación familiar”.

Do mesmo xeito, o rexedor municipal recordou que para a posta en marcha do Campamento de Verán “un dos aspectos esenciais sobre os que o Equipo do Goberno traballou intensamente, foi o establecemento de protocolos de seguridade e hixiene fronte o COVID-19. Así, deseñamos un protocolo de actuación que seguiremos escrupulosamente para toda a duración do campamento acorde coas medidas prescritas polo Ministerio de Sanidade e en colaboración cos responsables encargados de levar a cabo as actividades de lecer planificadas”.

 

Listados_admitidos_e_de_agarda_Campamento_Veran_e_Campus_Futbol_2020.pdf

Solicitude Inscrición Campamento Verán 2020

Solicitude Inscrición Campus Fútbol 2020