Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de comunicar que dende as 18:00 horas de mañá mércores 1 de xullo, monfortinos e visitantes xa poden disfrutar dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe.
Deste xeito, do 1 de xullo ó 30 de setembro de 2020 o río Cabe será escenario dunha interesante e ó mesmo tempo divertida e refrescante proposta no verán da cidade.
Por mor do estado de alarma xerado pola crise sanitaria do COVID-19, neste ano os paseos en barca darán comezo un pouco máis tarde do habitual, pois era a mediados do mes de xuño cando se iniciaba normalmente esta actividade.
Neste senso, o Alcalde salientou que dende o Equipo de Goberno determinamos manter esta actividade porque “é unha tradición que mantemos no Concello dende hai anos, e que permite gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río”.
Dende o Equipo de Goberno, tendo en conta as recomendacións das autoridade sanitarias ante a crise do COVID-19 dentro do estado actual de Transición cara a Nova Normalidade, establécense unha serie de normas de seguridade e hixiene para a utilización das barcas:
- É obrigatorio o uso de mascarillas sanitarias.
- A capacidade máxima das barcas será determinada polo encargado do servizo.
- Será necesario o uso da solución hidroalcohólica que se porán a disposición dos usuarios.
- Os usuarios contarán con chalecos salvavidas se son solicitados.
- O encargado do servicio establecerá distancias de seguridade no caso de ser necesario.
“Os paseos en barca polo río Cabe”, continúa o Alcalde, “xa son durante os meses de verán un referente na programación cultural da cidade e un grande foco de atracción para a poboación local e para moitas persoas que nos visitan nesta época”.
O Club de Montaña e Piragüismo Quixós encárgase da xestión desta actividade, tanto do mantemento e condución das barcas como dos cobros e atención ós pasaxeiros.
Como é tradición, o punto de inicio dos percorridos será o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros como en anos anteriores.
Estas pequenas travesías en barca poderán facerse nos seguintes horarios:
- Luns a venres, entre as 18:00 e as 22:00 horas
- Fins de semana e festivos: tamén en horario de mañá desde as 11:00 e ata as 14:00 horas e pola tarde de 18:00 a 22:00 horas.