Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2020. O pasado 12 de abril, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, comunicou ós veciños e veciñas da cidade que os actos pola festividade do Martes de Pascua, que este ano celebraríase o día 14 de abril, tiñan que ser aprazados, dada a imposibilidade de celebrar este tipo de actos litúrxicos por mor do estado de alarma decretado por aquel entón ante a pandemia do COVID-19.
Unha vez superada a Fase III do Plan para a transición cara unha Nova Normalidade, finalmente na xornada de hoxe martes tivo lugar a celebración das honras á Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat.
Así, a comitiva institucional, encabezada polo Alcalde, partiu da Casa do Concello para asistir, ás 20:30 horas, a unha misa na honra da Virxe de Montserrat, na Igrexa da Régoa, dado que a Igrexa de San Vicente, lugar que tradicionalmente acolle estes actos litúrxicos, segue pechada debido ás obras de restauración que nela se están a levar a cabo. A eucaristía foi presidida por D. Luis Manuel Rodríguez Pérez, Vicario da Pastoral da Diocese de Lugo, quen estivo acompañando de diversos sacerdotes ademais do párroco D. Rafael.
Tras a celebración eucarística, procedeuse a celebrar unha procesión coa imaxe da Virxe de Monserrat polo atrio da Igrexa da Régoa.
Finalmente, tal e como marca a tradición, o Alcalde de Monforte renovou os votos coa Virxe e procedeuse á bendición dos campos. Finalmente, a imaxe da Virxe, voltou ó altar da Igrexa da Régoa, que é onde se mantén exposta mentres duren as obras de restauración da Igrexa de San Vicente.
“Dende o Equipo de Goberno do Concello, comprometémonos, ante a crise do coronavirus, a manter esta importante tradición dos monfortinos e monfortinas na honra á nosa Patroa, a Virxe de Montserrat, e deste xeito, dado que o actual estado de Nova Normalidade nos permitiu a súa celebración, hoxe por fin puidemos levala a cabo”, manifestou o Alcalde.