O Alcalde asina o pago das primeiras 208 axudas do Plan Reactiva Monforte

Monforte de Lemos, 9 de xullo de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar un decreto polo que se resolve a concesión das axudas englobadas no Plan Reactiva Monforte. Deste xeito, isto supón que comezarán a facerse efectivos os pagos correspondentes a aquelas solicitudes presentadas entre o 14 e o 18 de maio que aportaron correctamente toda a documentación requirida. “En concreto”, sinala o Alcalde, “son 208 as axudas que teñen xa autorizado o seu pago e que se fará efectivo nos vindeiros días, para o cal destinaremos 144.000 euros”.

Mediante o Plan Reactiva Monforte, o Concello destina 1,4 millóns de euros en axudas provintes do actual orzamento municipal, para actuar de maneira inmediata ante as consecuencias derivadas da crise económica e social provocada polo COVID-19, e impulsar a actividade económica no termo municipal de Monforte de Lemos, outorgando liquidez ás empresas da cidade, contribuíndo a facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais, para así axudar ó mantemento da actividade económica e acadar tamén a protección do emprego.

O Alcalde asinou este decreto de resolución do Plan Reactiva Monforte tras a reunión da Comisión de Valoración destas axudas para o impulso da actividade económica na cidade.

 

Pago das primeiras 208 axudas

O Plan Reactiva Monforte conta con 5 liñas de axudas que se establecen en 1.000 euros para pequenas empresas (autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia), e 200 euros a traballadores autónomos que se viran obrigados a cesar na súa actividade con posterioridade ao 15 de marzo de 2020 e por mor do Covid-19, traballadores por conta allea que se tiveran visto afectados por un ERTE, debido o coronavirus, traballadores por conta allea que tiveran sido obxecto de despido con posterioridade ao 15 de marzo e traballadores contratados temporalmente cuxo contrato finalizase con posterioridade ó 15 de marzo de 2020, e non fose renovado pola falla de actividade da empresa debido ó Covid-19.

Das solicitudes presentadas do 14 ó 18 de maio, 208 expedientes cumpriron cos requisitos especificados nas bases do Plan Reactiva Monforte, que foron publicadas  no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na web do Concello o pasado 13 de maio.

En concreto, das 208 axudas aprobadas, 128 corresponden a pequenas empresas (autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia), para as que se destinará un importe de 128.000 euros.

O resto destas primeiras axudas sobre as que se iniciarán os pagos, corresponden a 80 expedientes de traballadores autónomos, traballadores por conta allea e traballadores contratados temporalmente, para os que se destinará un importe de 16.000 euros.

 

Prazo para emendar solicitudes

Por outra banda, no decreto asinado polo Alcalde, tamén se inclúen 97 solicitudes presentadas entre o 14 e o 18 de maio que non aportaron correctamente parte da documentación requirida polas bases da convocatoria.

Deste xeito, os solicitantes das mesmas terán un prazo de 5 días hábiles dende a publicación do decreto na páxina web do Concello para aportar a documentación que se lles require para poder ser beneficiarios de ditas axudas.

Para elo, dende hoxe están publicadas na páxina web do Concello, no enlace http://www.monfortedelemos.es/gl/plan-reactiva-monforte/gl tanto o listado dos primeiros 208 expedientes beneficiarios destas axudas como daqueles expedientes pendentes de presentar a documentación establecida polas bases do Plan.

 

O Alcalde informa que dende o Concello séguese a traballar para tramitar o pago do resto de solicitudes presentadas o Plan Reactiva Monforte, que foron un total de 1219 solicitudes,  “cumprindo así co compromiso que adquirimos coas empresas, traballadores a autónomos de Monforte polo que  destinamos a maior axuda económica que se fixo nunca dende o Concello, co obxectivo de impulsar a actividade económica dos nosos sectores produtivos e contribuír así a paliar os efectos do Covid-19”.

Decreto resolución axudas Plan Reactiva Monforte