Todo listo para o inicio das actividades este luns do Campamento Deportivo de Verán 2020 do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 10 de xullo de 2020. O Concello de Monforte informa que este luns 13 de xullo comeza a actividade da primeira quenda do Campamento Deportivo de Verán organizado polo Concello de Monforte, no que participarán un total de 72 rapaces e rapazas, o que supón a ocupación do cen por cen das prazas ofertadas para esta primeira quenda.

Para a organización desta edición dunha actividade xa tradicional na programación deportiva de verán que organiza o Concello de Monforte, e por mor da crise sanitaria derivada do COVID-19, dende o Equipo de Goberno e a Concellería de Deportes deseñouse un protocolo de seguridade e hixiene centrado, primeiramente,  en velar pola seguridade de participantes e dos monitores e monitoras.

As liñas estratéxicas deste protocolo deseñado para garantir a seguridade e o éxito na organización dos Campamentos de Verán foron as seguintes:

•      Grupos reducidos de 10 persoas.

•      Monitores e monitoras fixos para cada grupo durante cada quenda.

•      Espazos fixos e exclusivos para cada grupo.

•      Material deportivo exclusivo para cada grupo.

•      Material de obradoiros exclusivo para cada alumno e alumna.

•      Limpeza e desinfección diaria dos espazos utilizados.

•      Hixiene de mans constante.

•      Dotación de mascaras e xeles desinfectantes para os participantes.

En canto ás actividades, dende o Concello deseñouse unha programación atractiva, tendo en conta a situación actual, composta por actividades deportivas, obradoiros, excursións e actividades especiais como hípica e piragüismo.

A través dos seguintes enlaces pódense descargar diferentes documentos de interese para os participantes no Campamento Deportivo de Verán:

 

O Alcalde, José Tomé Roca, valorou moi positivamente o éxito en canto á cobertura de prazas e agarda que todos os “nenos e nenas poidan disfrutar das súas vacacións a través do Campamento Deportivo do Concello, practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros”.

Do mesmo xeito, o rexedor municipal recordou que dende o Concello “deseñamos por primeira vez o desenvolvemento dos Campamentos en 3 quendas, que supoñen 30 días de actividade, 10 máis que en pasadas edicións, cun dos programas de actividades máis amplo dos últimos anos, motivado polas necesidades de conciliación familiar dos monfortinos e monfortinas así como para que  nenos e nenas poidan gozar dunhas vacacións activas practicando actividades lúdicas de xeito saudable”.

Dende o Concello de Monforte agardamos que a actividade sexa do agrado de todas as persoas participantes.