Monforte de Lemos, 10 de agosto de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que no día de hoxe iniciáronse os traballos de mellora do pavimento das rúas Central e Historiador Germán Vázquez, continuando así coa planificación deseñada polo Equipo de Goberno para mellorar diferentes rúas da cidade, e que se están desenvolvendo nos meses de xullo e agosto.
O investimento destas dúas actuacións ascende a 24.141,51 euros e foron adxudicadas á empresa Probisa. Os traballos teñen por obxecto a mellora da pavimentación e sinalización horizontal de ámbalas dúas rúas.
A rúa Central dispón dun tramo de dobre sentido de circulación de 97 metros de lonxitude, entre a rúa Roberto Baamonde e unha varanda de madeira que deixa á rúa sen saída no seu tramo final debido o paso do ferrocarril a un nivel inferior. Os traballos de mellora dotarán a esta vía dunha nova capa de rodadura executada con aglomerado asfáltico en quente.
Dende aproximadamente o punto intermedio da traza da rúa Central iniciase a rúa Historiador Germán Vázquez, que une a rúa Central coa rúa Estrella nun tramo de dobre sentido de circulación de 224 metros de lonxitude. Tamén se dotará a esta rúa dunha nova capa de rodado executada con aglomerado asfáltico en quente, e suprimirase un dos sentidos de circulación, quedando unicamente como sentido único de circulación rúa Central – rúa Estrella.
Traballos de mellora na rúa Central
A pavimentación da rúa Central presentaba un mal estado de conservación debido a existencia de fochancas, gabias con pavimento deteriorado ou firme levantado debido ás distintas intervencións de reparación de instalacións soterradas existentes.
Trátase dunha rúa que dispón dun tramo final de uns 43 metros que non conta con saída, debido ó paso da vía do ferrocarril a unha cota mais baixa. No tramo final sen saída existe unha zona sen beirarrúas de 8 metros na marxe dereita e de 10 metros na marxe esquerda.
A actuación de pavimentación da rúa Central, arranca na intersección desta coa rúa Roberto Baamonde e remata na varanda que protexe o desnivel existente entre esta rúa e a vía do ferrocarril. A zona sobre a que se está a levar a cabo a nova pavimentación ten un ancho de 6,95 metros, entre Roberto Baamonde e Germán Vázquez, e de 6,75 metros dende a intersección con Germán Vázquez ata o final. Esta rúa dispón dun só tramo de 97 metros de longo con ancho medio de 7,21 m., con beirarrúas en ambas marxes; a superficie pavimentada será de 700,09 m2.
Novo pavimento para a rúa Historiador Germán Vázquez
A pavimentación da rúa Historiador Germán Vázquez, do mesmo xeito que a rúa Central, estaba resolta mediante soleiras de formigón en masa e presentaba un mal estado de conservación debido a existencia de fochancas, gabias con pavimento deteriorado e firme levantado.
A traza da rúa Historiador Germán Vázquez está composta de tres tramos rectilíneos enlazados con pequena curvatura cara o sueste e con leve pendente descendente dende a rúa Central ata a rúa Estrella, o que fai unha lonxitude total de 224 metros.
A nova pavimentación da rúa Historiador Germán Vázquez empeza na intersección desta coa rúa Central e remata na intersección coa rúa Estrella. A zona que se pavimenta de novo ten un ancho de 7,30 metros xunto á rúa Central diminuíndo ata os 6,85 metros nas proximidades da rúa Estrella, onde existe un tramo de 34 metros de longo con ancho de 5,50 metros. Esta rúa dispón dun só tramo de 224 metros de longo con beirarrúas nas dúas marxes, con ancho medio de 6,85 metros de capa de rodado; a superficie pavimentada será de 1529,88 m2.
Actuacións acometidas en ambas rúas
As obras de mellora que se están a levar a cabo nas rúas Central e Historiador Germán Vázquez son as seguintes:
- Retirada provisional de illa de reciclaxe existente na rúa Germán Vázquez para a recollida selectiva de residuos e levantado de ramplas de acceso a garaxes.
- Limpeza da zona de actuación, con medios mecánicos.
- Fresado de pavimento de rego asfáltico existente de ata unha profundidade de 5 cm., mediante fresadora en frío compacta, equipada con banda transportadora para a carga directa sobre camión dos restos xerados.
- Tapado de fochancas e posterior varrido con varredora mecánica e carga de entullos sobre camión.
- Desmontado e retirada da sinalización vertical e borrado da sinalización horizontal que non proceda de acordo coas novas direccións.
- Sobre o firme existente, aplicación de soleira de formigón, unha vez preparada a superficie mediante rego de adherencia con emulsión tipo ECR-2. Tras elo, estendido e compactado de pavimento asfáltico de 4 cm. de espesor, realizado con mestura bituminosa continua en quente tipo D-12, para capa de rodado, de composición densa.
- Posteriormente, procedeuse ó recalco e levantado de tapas de rexistro, sumidoiros na calzado e outros elementos con dado de formigón HA-25, incluso picado e levantado e nova colocación da tapa existente, sinalización, balizamento, curado e protexido durante o fraguado.
- Replanteo e marcado de sinalización viaria horizontal para posterior pintado.
Sentido único de circulación en Germán Vázquez
A rúa Historiador Germán Vázquez dispón actualmente de circulación en ámbolos dous sentidos de circulación, con todo, a anchura media de entorno ós 7 metros, entre bordos, dos que dispón a rúa no é suficiente para dos sentidos de circulación e prazas de aparcamento nas dúas marxes da rúa.
Deste xeito, aproveitando estas obras de mellora suprimirase un dos sentidos de circulación, quedando unicamente o sentido rúa Central – rúa Estrella. Para isto, colocaranse dous sinais de prohibido o xiro na rúa Estrella e un de dirección prohibida na intersección da rúa Germán Vázquez coa rúa Estrella.