Monforte de Lemos, 25 de agosto de 2020. O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu onte ás 20 horas unha sesión extraordinaria do Consello Municipal de Saúde, co obxecto de analizar a situación sanitaria do Concello en relación coa pandemia do Covid-19, e especialmente dende que o pasado martes 18 de agosto a Consellería de Sanidade comunicara a detección dun gromo de casos positivos na rúa Duquesa.
A xuntanza foi presidida polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e nela estiveron tamén presentes Pilar Espinosa, Concelleira de Sanidade e vicepresidenta do Consello, e os vogais do Consello, Gloria Prada, 1ª Tenente de Alcalde, Emilio Sánchez, concelleiro do BNG, Katherinie Varela, concelleira do PP, Germán Vázquez, concelleiro de Esperta Monforte, Isidoro Rodríguez, do Colexio Oficial de Enfermería, Sagrario Ferreira, do Colexio Oficial de Psicoloxía, Francisca Vázquez, pedánea de Bascós, Marina López, presidenta da Asociación de veciños de Cobas, Miguel Ángel Pino, presidente da Asociación de veciños da zona do Hospital, e representando á Plataforma en defensa da sanidade pública-PLADESAPLU asistiron Manuela Fuentes e Mª Purificación Rodríguez.
O punto central que se abordou nesta xuntanza extraordinaria do Consello Municipal de Saúde foi a análise da situación sanitaria do concello de Monforte en relación co gromo de positivos por Covid-19 comunicado polo Sergas o pasado 18 de agosto.
Deste xeito, o Alcalde comezou a súa intervención informado sobre a chamada levada a cabo na tarde de onte polo xerente da Área Sanitaria, Ramón Ares, na que confirmaba o último dato de positivos, 72, que xa fora facilitado polo Alcalde o pasado domingo. Neste senso, o xerente tamén comunicou que ademais se estiman outros 5 casos positivos correspondentes a concellos limítrofes que pertencen á esta mesma área.
O Alcalde tamén salientou que, segundo datos facilitados polo Sergas, a maioría dos casos confirmados en Monforte correspóndense con menores de 30 anos e son asintomáticos. Así mesmo, na semana do 16 ó 23 de agosto, fixéronse 635 P.C.R., aproximadamente unha media de 100 por día.
Tomé Roca tamén explicou que “ó principio, a comunicación co Sergas era moi pouca, apenas nos pasaban datos. O venres tiven unha conversación co Conselleiro de Sanidade, o sr. Vázquez Almuiña, na que nos comprometemos a incrementar a colaboración, e así o veñen facendo a través dunha chamada diaria na que se nos facilitan os datos oficiais correspondentes.”
Sen embargo, o rexedor municipal precisou que “o dato dos 72 positivos corresponde a datos de onte (domingo). Hoxe (luns) a estas horas, os datos que puidemos recabar nos centros sanitarios, tanto no Hospital, como nos centros de saúde, superan os 80”.
O Alcalde engadiu, neste senso, que “a estes datos temos que engadir outros 8 ou 10 que residen en Monforte, pero non están empadroados, e habería que sumar a xente doutras comunidades autónomas, das que descoñecemos datos”.
Medidas adoptadas polo Concello
O Alcalde monfortino, informou ós membros do Concello de todas as medidas postas en marcha polo Concello, dende que se confirmou o gromo de positivos por Coronavirus: a suspensión da Feira do Libro, do Campamento de Verán, da Feira e Mercado Gandeiro do día 24, o peche da piscina municipal climatizada e as súas instalacións anexas e a suspensión dos Campus de Baloncesto e Voleibol.
Da mesma forma, explicou o reforzo das patrullas da Policía Local que se levou a cabo na pasada fin de semana, ante as previsións de alta mobilidade na cidade, e para garantir o cumprimento das normas establecidas polas autoridades sanitarias ante o Coronavirus.
En relación co traballo desenvolto polos Servizos Sociais do Concello, o Alcalde salientou que non é certo que se desatenderan ás familias afectadas polo gromo. “Os Servizos Sociais falaron coas familias que son usuarias dos servizos sociais, que son das que teñen o teléfono e ofreceron, a través desas familias, axuda ó resto de veciños afectados”.
Tamén dende o Concello se atenderon e deron solución a outras chamadas que foron chegando nos pasados días, e incluso a Policía Local foi a encargada de repartir medicinas nalgún caso.
Na mesma liña, Tomé Roca informou que segue vixente o convenio establecido coa Cruz Vermella dende o inicio da pandemia, polo cal os voluntarios da mesma encárganse de levar alimentos ós domicilios que así o necesitan.
Deste xeito, o Alcalde saíu ó paso dos bulos que nestes días se foron propagando nas redes sociais, nas que se acusaba de desatención tanto ó Concello como a supermercados da zona no servizo de alimentos a domicilio, algo que constatouse como falso.
Tras a intervención do Alcalde, os diferentes participantes na xuntanza expuxeron os seus comentarios e dúbidas en relación coa incidencia do gromo de Covid-19 en Monforte, dúbidas que foron aclaradas en todo momento polo rexedor municipal.
E logo da intervención do representante do Colexio de Enfermería, Isidoro Rodríguez, os membros do Consello Municipal de Saúde, a petición do Alcalde, acordaron apoiar un escrito presentado por dito Colexio no que se solicita á Consellería de Educación que se destine a cada centro educativo un enfermeiro ou enfermeira para axudar ó profesorado na xestión do Covid-19, dada a experiencia coa que contan estes profesionais da sanidade, e especialmente ante este inicio de curso.
O Alcalde concluíu a xuntanza agradecendo a participación e o interese dos membros do Concello, e transmitíndolles unha mensaxe de ánimo e forza ante unha situación que só se poderá superar co esforzo de todos, no cumprimento das recomendacións e normas ditadas polas autoridades sanitarias.