Monforte será o primeiro concello en renovar todo o seu alumeado público con tecnoloxía Led

Monforte de Lemos, 14 de setembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer na tarde de hoxe, xunto ó Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, un proxecto que suporá a mellora dedo conxunto da iluminación pública de Monforte, tanto da parte urbana como de todas as parroquias do eido rural. Neste senso, o rexedor municipal resaltou que “grazas a este proxecto, Monforte será o primeiro concello en renovar totalmente todas as instalacións de alumeado público con tecnoloxía LED, en todas as rúas da cidade e en todas as parroquias.”

A través deste proxecto, serán colocadas 5.739 farolas novas de tecnoloxía Led e tamén serán renovados a totalidade dos cadros eléctricos, 195, que dan soporte ás luminarias de todo o Concello.

Para levar a cabo este gran proxecto, que beneficiará a todos os veciños e veciñas de Monforte, o Concello invertirá 3.361.360,65 euros, “o que supón sen dúbida a maior inversión de alumeado público que se fixo nunca no Concello de Monforte”, resaltou o Alcalde.

Para poder realizar esta inversión, o Equipo de Goberno do Concello xestionou unha axuda co Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía o Ministerio concedeu unha axuda de 2.689.088,51 euros, o que supón o 80% do total e o 20% restante, será aportado polo Concello, isto é, 672.272,14 euros.

Aforro enerxético e amortización da inversión

A actual potencia que ten contratada o Concello de Monforte cos diferentes subministradores de enerxía é de 811,47 kW/hora, e cando estea rematada a totalidade da nova iluminación pública, será de 252,94 kW/h, o que suporá unha redución de 558,53 kW/h.

En termos de consumo, no cómputo anual en iluminación pública, o Concello pasará de consumir 3.489.334 kW/ano a consumir 715.817 kW/ano, o que supón unha baixada de 2.773.517 kW/ano.

Actualmente, o custe do alumeado público do concello é de 383.826,74 euros/ano, e co novo alumeado o custe baixará ata os 100.214,38 euros, supoñendo un aforro de 283.612,36 euros/ano.

Co aforro en custes que se vai producir cada ano, a inversión que aporta o Concello para este proxecto, os 672.272,14 € comentados, amortizarase en 2,5 anos, dado que o aforro anual chegará case os 284.000 euros.

“Tamén”, sinalou o Alcalde, “con esta actuación contribuímos a fomentar para o Concello unha economía baixa en carbono, coincidindo coa tendencia que marca a Unión Europea e España, axudando así a potenciar un desenvolvemento ecolóxico da nosa cidade”.

Prazos

En menos de 30 días, segundo explicou  o Alcalde, o Concello deberá aceptar esta axuda do Ministerio para la Transición Ecológica, algo que o rexedor municipal xa confirmou que se aceptará.

En menos de 6 eses, iniciaranse os trámites para contratar o desenvolvemento do proxecto, e farase en 2 lotes: un destinado á zona urbana por importe de 1.554.960,72 euros, e outro para a zona rural que ascenderá a 1.806.399,93 euros.

Neste senso, Tomé Roca salientou que “esta é a primeira vez na historia do Concello que a inversión nas parroquias é máis grande que na zona urbana, o cal demostra o compromiso deste Equipo de Goberno pola zona rural da nosa cidade, para que os veciños que viven nas parroquias teñan os mesmos servizos que os veciños que viven na zona urbana”.

Antes dun ano, o Concello terá que ter formalizadas as contratacións destes 2 lotes, en concreto antes de setembro de 2021, e en menos de 30 meses, antes de marzo de 2023, terá que estar acabadas todas as obras.

O Alcalde concluíu agradecendo o apoio amosado polo Ministerio para la Transición Ecológica neste importante proxecto e salientou que “Monforte rematará este mandato sendo o Concello mellor iluminado”.