Monforte de Lemos, 16 de setembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar un decreto polo que se resolve a concesión das axudas englobadas no Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte. Deste xeito, isto supón que comezarán a entregarse, a partir do luns 21 de setembro, os primeiros 5.000 bonos de 25 euros a aquelas solicitudes presentadas polos cidadáns de Monforte entre o 25 de xuño e o 5 de xullo que aportaron correctamente toda a documentación requirida. “En concreto”, sinala o Alcalde, “son 5.000 bonos os que teñen xa autorizada a súa entrega ás correspondentes familias, bonos nominais de 25 euros que poderán utilizar xa nos establecementos e entidades de calquera sector económico, coa condición obrigatoria de que estean ubicados no Concello de Monforte”.
“Toda vez que, a través do Plan Reactiva Monforte, do que xa se levan pagadas todas as solicitudes con dereito a elo, que puxemos en marcha para axudar a empresas, autónomos e traballadores, agora é o momento de que as familias reciban a solidariedade de todos e todas, a través do Concello, comezando a entrega destes primeiros bonos do Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos do Concello. O noso obxectivo con este Plan é favorecer ao conxunto da nosa economía, inxectando nos nosos fogares e sectores económicos ó redor de 500.000 €, para contribuír a superar a parálise económica derivada do COVID-19 e reactivar así a sociedade e a economía monfortina”, resaltou o rexedor municipal.
O Alcalde asinou este primeiro decreto de resolución do de Apoio ás familias e ós sectores económicos do Concello de Monforte tras a reunión da Comisión de Valoración destas axudas. Para o pago destas primeiras 1.935 axudas familiares destinaranse 125.000 euros. O Alcalde tamén explicou que, todos aqueles que presentaron a súa solicitude e que non saen nesta primeira lista de beneficiarios irán saíndo nas seguintes, “dado que a revisión a cargo dos funcionarios municipais das 4.525 solicitudes presentadas leva o seu tempo, e iremos sacando novas listas a medida que se vaian resolvendo os expedientes cada semana.”
Entrega dos primeiros bonos-axudas
O Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte estableceu axudas a todos os cidadáns censados neste concello en función do número de habitantes empadroados en cada domicilio, segundo o Padrón Municipal:
- Domicilios de entre 1 e 2 membros, 2 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 50 €.
- Domicilios de entre 3 e 4 membros, 3 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 75 €.
- Domicilios de 5 ou máis membros, 4 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 100 €.
O prazo de inscrición para dito plan abriuse o pasado 25 de xuño e estendeuse ata o 15 de xullo. Finalmente, foron 4.525 as solicitudes presentadas, das cales 1.935 son as solicitudes xa resoltas, que se corresponden ó período de presentación de solicitudes encadrado entre o 25 e xullo e o 5 de xullo.
Deste xeito, a primeira listaxe das persoas que poderán vir a recoller os seus bonos estará publicada dende mañá xoves 17 de setembro tanto na web do Concello como nos taboleiros informativos da Casa do Concello, Casa da Cultura e Edificio Multiusos.
Requisitos para a recollida de bonos
O lugar de recollida dos bonos será o Edificio Multiusos, situado na Ronda María Emilia Casas Baamonde, sendo o horario de recollida dos mesmos polas mañas de 8:30 a 14.30 hs en 4 meses de entrega repartindo o listado por orde alfabético entre as 4 mesas.
A persoa beneficiaria do bono deberá presentarse o seu documento nacional de identidade (DNI), requisito imprescindible para recoller o seu bono. Os bonos facilitaranse por unha soa vez e estarán selados e asinados polo Alcalde de Monforte de Lemos.
Aquelas persoas que veñan á recoller os correspondentes bonos en representación doutra persoa, deberán vir coa correspondente autorización cumprimentada e asinada pola persoa á que representan. Esta autorización poderá descargarse no enlace da páxina web, no rexistro do
Concello e nas propias mesas de reparto do Edificio Multiusos.
Os bonos terán validez de uso ata o 13 de novembro aínda que se fose necesario ampliar o seu prazo de validez, o Concello anunciarao convintemente.
Cando a persoa solicitante estea en posesión dos bonos, poderá adquirir os bens, servizos profesionais ou consumos nos establecementos de Monforte de Lemos, que escolla libremente, polo importe máximo que figura neles ós que ten dereito cada unidade familiar, segundo o número de empadroados.
A modo de exemplo, sinala o Alcalde “os bonos poderán utilizarse en tendas de alimentación, roupa, xoguetes, ferreterías, locais de hostalería (por exemplo no prato do día ou en comida para levar), perruquerías, tendas agrícolas, en servizos profesionais tales como avogados, xestorías, fontaneiros, electricistas, albaneis... É dicir, pódense utilizar en calquera sector económico de Monforte que necesite cada familia”.
En caso de extravío do bono tanto pola persoa beneficiaria coma polo/a comerciante non se expedirá un novo bono para evitar calquera mala práctica.
Unha vez entregados os bens, prestación de servizos ou realizado o consumo, no que non están incluídas as bebidas alcohólicas non alimentarias, a persoa que o realice entregará o bono asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo e presentará a solicitude de reintegro no Concello acompañada do citado bono ou bonos.
Reintegro do importe dos bonos
Os establecementos comerciais e sectores económicos que reciban estes bonos como pago ós seus produtos e servizos, poderán solicitar no Concello o seu pago, presentando para elo o bono orixinal en papel que lles entregue o cidadán, acompañado dun impreso de solicitude específico que se poderá descargar da web do Concello ou recoller no Rexistro municipal.
Para a presentación destas solicitudes de reintegro de bonos, non é necesario esperar ata o final do prazo de validez do bono, é dicir, pódense presentar no momento en que se estime oportuno, utilizando para elo o impreso correspondente cada vez que se entreguen novos bonos.
Se o importe dos bens adquiridos, servizos profesionais recibidos ou os consumos é inferior ó valor dos bonos, o persoal do establecemento deberá facelo constar na solicitude de reintegro que presentará no Concello de Monforte de Lemos, facendo constar o número de bonos e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza.
Pola contra, se o importe fose superior ó do bono, o persoal do establecemento emitirá solicitude de reintegro polo importe do bono e a diferenza será pagada pola la persoa solicitante. O concello soamente asumirá a contía establecida no bono ou bonos, no caso de que fose más dun bono de 25 €, o que se gaste no establecemento.
Os bonos non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada bono só pode ser utilizado nun único establecemento, podendo ser utilizados todos os bonos no mesmo ou en diferentes negocios, sempre que o gasto mínimo sexa de 25 € para beneficiarse dos mesmos, na súa totalidade.
O Alcalde informa que dende o Concello séguese a traballar para tramitar a resolución de entrega de bonos do resto de solicitudes presentadas, que foron un total de 4.525 solicitudes, “cumprindo así co compromiso que adquirimos tanto cos veciños e veciñas como diferentes sectores económicos de Monforte, co obxectivo de axudar a todos os monfortinos ante esta dura pandemia da Covid-19 e impulsar a actividade económica dos nosos sectores produtivos”.