Monforte de Lemos, 5 de outubro de 2019. A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou na mañá de hoxe as bases da convocatoria de axudas económicas dirixidas a deportistas do Concello de Monforte que practiquen algún tipo de modalidade ou especialidade deportiva individual, durante a tempada 2019-2020.
O importe total destinado a estas axudas é de 7.000 euros, o que supón 2.000 euros máis que na tempada anterior, e se poderán beneficiar delas os/as deportistas que cumpran os seguintes requisitos:
- Estar empadroado/a no Concello de Monforte.
- Estar federado/a nalgunha das federacións deportivas galegas ou españolas.
- Estar ó corrente das obrigacións tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estar ó corrente das obrigacións coa Seguridade Social e co Concello de Monforte.
- Ter participado, como mínimo, no Campionato de España, Campionato de Europa ou Campionato do Mundo propio da modalidade deportiva.
Precisamente este último punto e unha das diferenzas, ademais da partida orzamentaria, con respecto ao procedemento de adxudicación das bolsas en anos anteriores, nos que se esixía a participación, como mínimo, en tres campionatos de carácter oficial. Esta decisión foi tomada tendo en conta o condicionamento que supuxo a crise sanitaria do COVID-19 que fixo que en moitas modalidades deportivas se viran suspendidos os campionatos.
Terán a consideración de deporte de carácter individual todos aqueles deportes que, segundo a súa regulamentación, son practicados de forma individual. En todo caso, non se considerarán participacións individuais as substitucións nin as probas coordinadas ou sincronizadas nas que actúe simultaneamente máis dun integrante do mesmo equipo.
Todas as persoas interesadas poderán presentar méritos para a súa avaliación conseguidos entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020.
A cantidade máxima de cada unha das bolsas establécese en 600 € por deportista.
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), publicación que se prevé sexa nos vindeiros días.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca a importancia destas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”.