Monforte de Lemos, 9 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar un novo decreto polo que se resolve a concesión das axudas englobadas no Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte. Deste xeito, isto supón que comezará a entregarse, a partir do martes 13 de outubro (xa que o luns día 12 é festivo), a cuarta e última partida de bonos a aqueles cidadáns que presentaron as súas solicitudes entre o 14 e o 15 de xullo e que cumpren con todos os requisitos establecidos nas bases da convocatoria do Plan.
Este último decreto recolle as últimas solicitudes e, polo tanto, as últimas concesións e entrega de bonos do Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte. A cuarta entrega ascende a un total de 1.240 bonos, que están destinados ás familias monfortinas que presentaron as súas solicitudes entre o 14 e o 15 de xullo, e que cumpren con todos os requisitos establecidos nas bases da convocatoria do Plan. Para o pago do que son 493 axudas familiares destinaranse 31.000 euros.
A listaxe das persoas ordenadas por orde alfabética que poderán recoller os seus bonos está publicada na web do Concello (http://www.monfortedelemos.es/gl/plan-apoio-familias-e-sectores-economicos-2020) así como, dende hoxe a partir das 15 horas, nos taboleiros informativos da Casa do Concello, Casa da Cultura e no Edificio Multiusos. A recollida poderana facer no Edificio Multiusos de luns a venres, en horario de 8:30 a 14.30 horas. A semana que ven a recollida será posible dende o martes 13, xa que o luns é festivo.
O Plan supón 270.275 euros en axudas a 4.282 familias monfortinas
Con esta última entrega, o número de total bonos aprobados a través deste Plan ascende finalmente a 10.811, que supoñen axudas que alcanzan a 4.282 familias, destinándose para o pago das mesmas un total de 270.275 euros.
Neste senso, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, “o Alcalde cumpre así dobre obxectivo co que naceu este Plan: axudar ás familias monfortinas ante a crise da Covid-19, e por conseguinte, tamén ós sectores económicos de Monforte, destinando para elo máis de 270.000 euros en axudas”.
“Cabe recordar”, destacou Prada, “que a través do Plan Reactiva Monforte, que está a piques de finalizar nos próximos días, repartimos axudas entre 1.211 empresas, autónomos e traballadores por valor de 543.000 euros, que engadidas ás axudas repartidas a través dos bonos supoñen arredor de 815.000 euros destinados a axudar ós monfortinos ante a crise do Coronavirus. Esta é a maior axuda que un Alcalde monfortino fixo na historia deste Concello”.
Das 4.525 solicitudes presentadas a este Plan, finalmente 4.282 se resolveron favorablemente. Das 243 restantes, cabe destacar que únicamente tan so 5 solicitudes foron rexeitadas, 2 por ser presentadas fora de prazo, e 3 por corresponder a non empadroados en Monforte. As 238 restantes corresponden con solicitudes duplicadas que foron pedidas tanto de xeito individual como colecteivo, e que debido a esto foron reasignadas ó domicilio correspondente en cada caso.
Neste senso, indicou a Tenente de Alcalde, “as persoas que non aparezan nos listados publicados, poderán achegarse ata a Casa do Concello, para que sexa revisado o seu expediente e para posibles subsanacións”.
Dende o luns 21 de setembro ata onte xoves 8 de outubro, 3.383 cidadáns monfortinos acudiron xa a recoller os seus bonos, estimándose arredor de 8.500 os bonos que xa están en circulación, que supoñen 212.500 euros.
O prazo límite para o uso dos bonos recollidos remata o 13 de novembro, e para recollelos hai 1 mes de prazo dende que se publica a lista de solicitudes concedidas na web do Concello.
A Tenente de Alcalde recorda que son “bonos nominais de 25 euros que poderán utilizar xa nos establecementos e entidades de calquera sector económico, coa condición obrigatoria de que estean ubicados no Concello de Monforte”.
Entrega de bonos-axudas
O Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte estableceu axudas a todos os cidadáns censados neste concello en función do número de habitantes empadroados en cada domicilio, segundo o Padrón Municipal.
O prazo de inscrición para dito plan abriuse o pasado 25 de xuño e estendeuse ata o 15 de xullo. Finalmente, foron 4.525 as solicitudes presentadas, das cales foron resoltas favorablemente 4.282. Delas, 1.936 son solicitudes xa resoltas correspondentes ó período e presentación de solicitudes encadrado entre o 25 e xullo e o 5 de xullo, 1.154 as solicitudes resoltas presentadas entre o 6 e o 8 de xullo, 699 as resoltas para o período 9 a 13 de xullo, e finalmente 493 resolvéronse para o período 14 e 15 de xullo.
Requisitos para a recollida de bonos
O prazo límite recoller os bonos asignados e de 1 mes dende que se publica a lista de solicitudes concedidas na web do Concello, e para facer uso dos mesmos en establecementos, empresas e profesionais de Monforte o prazo remata o 13 de novembro. Por iso dende o Concello, recórdase a todas aquelas persoas que aínda non recolleron os seus bonos, que o fagan dentro dos prazos establecidos.
O lugar de recollida dos bonos é o Edificio Multiusos, situado na Ronda María Emilia Casas Baamonde, sendo o horario de recollida dos mesmos de luns a venres de 8:30 a 14.30 horas en 4 mesas de entrega repartindo o listado por orde alfabético entre as 4 mesas.
A persoa beneficiaria do bono deberá presentarse o seu documento nacional de identidade (DNI), requisito imprescindible para recoller o seu bono. Os bonos facilitaranse por unha soa vez e estarán selados e asinados polo Alcalde de Monforte de Lemos.
Aquelas persoas que veñan á recoller os correspondentes bonos en representación doutra persoa, deberán vir coa correspondente autorización cumprimentada e asinada pola persoa á que representan. Esta autorización poderá descargarse no enlace da páxina web, no rexistro do
Concello e nas propias mesas de reparto do Edificio Multiusos.
Os bonos terán validez de uso ata o 13 de novembro aínda que se fose necesario ampliar o seu prazo de validez, o Concello anunciarao convintemente.
Cando a persoa solicitante estea en posesión dos bonos, poderá adquirir os bens, servizos profesionais ou consumos nos establecementos de Monforte de Lemos, que escolla libremente, polo importe máximo que figura neles ós que ten dereito cada unidade familiar, segundo o número de empadroados.
En caso de extravío do bono tanto pola persoa beneficiaria coma polo/a comerciante non se expedirá un novo bono para evitar calquera mala práctica.
Unha vez entregados os bens, prestación de servizos ou realizado o consumo, no que non están incluídas as bebidas alcohólicas non alimentarias, a persoa que o realice entregará o bono asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo e presentará a solicitude de reintegro no Concello acompañada do citado bono ou bonos.
Procedemento a seguir para o cobramento dos Bonos por parte de empresas, profesionais e establecementos
As indicacións que deben seguir todas aquelas empresas, establecementos e profesionais que recibiron bonos correspondentes ó Plan de Apoio as Familias e Sectores Económicos de Monforte, en pago polos seus produtos ou servizos, para poder cobrar os importes correspondentes a ditos bonos, son as seguintes:
- Os establecementos deben cumprimentar o impreso de solicitude de cobro, publicado na páxina web do Concello de Monforte, para solicitar o reintegro dos importes dos bonos que trocaron por bens, servizos ou consumos. Xunto co Anexo I, incluído nese impreso, deberán aportar os orixinais dos bonos asinados pola titular da empresa ou establecemento, non sendo necesaria outro tipo de documentación.
- Aínda que existe a posibilidade de presentar esta solicitude vía telemática, o BONOS ORIXINAIS deben entregarse o máis axiña posible na oficina do Rexistro xeral do Concello de Monforte de Lemos, identificando a solicitude realizada.
- O establecemento non ten por que requirir a identificación do titular do Bono, pero si se deberán fixar en que a papeleta é orixinal e que está asinada tanto polo titular do bono como polo Alcalde (non se admiten fotocopias dos bonos).
- Os pagos efectuaranse periodicamente á maior brevidade posible.
O prazo para presentar, por parte de empresas, establecementos e profesionais, as solicitudes de aboamento dos bonos rematará o 30 de novembro de 2020.
Os establecementos, profesionais e empresas, para a presentación destas solicitudes de reintegro de bonos, non é necesario que esperen ata o final do prazo de validez do bono, é dicir, pódenas presentar no momento en que se estime oportuno, utilizando para elo o impreso correspondente cada vez que se entreguen novos bonos e seguindo as indicacións sinaladas para elo.
Se o importe dos bens adquiridos, servizos profesionais recibidos ou os consumos é inferior ó valor dos bonos, o persoal do establecemento deberá facelo constar na solicitude de reintegro que presentará no Concello de Monforte de Lemos, facendo constar o número de bonos e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza.
Pola contra, se o importe fose superior ó do bono, o persoal do establecemento emitirá solicitude de reintegro polo importe do bono e a diferenza será pagada pola la persoa solicitante. O concello soamente asumirá a contía establecida no bono ou bonos, no caso de que fose más dun bono de 25 €, o que se gaste no establecemento.
Os bonos non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada bono só pode ser utilizado nun único establecemento, podendo ser utilizados todos os bonos no mesmo ou en diferentes negocios, sempre que o gasto mínimo sexa de 25 € para beneficiarse dos mesmos, na súa totalidade.