Monforte de Lemos, 31 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, segue a dar conta das actuacións de mellora en infraestruturas urbanas da cidade, que se encadran dentro do plan posto en marcha polo Equipo de Goberno do Concello para mellorar as diferentes zonas da cidade e das parroquias, e que forman parte das 24 contratas que o Alcalde anunciou hai uns días.
Nesta ocasión, a obra de mellora anunciada polo Alcalde, afectará á Praza Campo de San Antonio, que está situada entre o inicio da rúa Ourense e da rúa Teceláns. En concreto, a praza obxecto destas obras é a que está situada na beira leste da Casa do Concello de Monforte.
A Praza do Campo de San Antonio está pavimentada cunha combinación de lousas e adoquíns de granito. Esta praza ten forma trapezoidal e está delimitada polo oeste coa Casa do Concello, polo leste, coa rúa Ourense, e polo norte e sur por dúas rúas co mesmo nome de Campo de San Antonio.
A zona sobre a que se executarán estas obras de mellora dispón dunha superficie pavimentada e axardinada de, aproximadamente 1.790 m2.
As actuacións que porá en marcha o Equipo de Goberno sobre esta praza consistirá tanto na mellora da súa accesibilidade como na reparación do seu pavimento. Para elo, contará cun investimento de 28.095,29 euros.
O Alcalde destaca que “con esta obra de mellora, solventaremos as dificultades coas que persoas discapacitadas, cadeiras de rodadas ou carriños de bebés se atopan cando transitan por esta praza, xa que actualmente está conformada por un chan de pedras irregulares que dificultan a mobilidade destes colectivos”.
“Do mesmo xeito”, continuou o rexedor municipal, ”queremos aproveitar para reparar lousas do pavimento que actualmente se atopan deterioradas, e que polo tanto afean á beleza da propia praza”.
O Alcalde concluíu resaltando que “con esta actuación, completaremos as obras de mellora que sobre esta praza acometemos no pasado mes de setembro, cando procedemos á rehabilitación do seu asento fronto-lateral, que é usado a diario por un bo número de persoas cando o tempo o permite.”
Estado da praza antes do inicio das obras de mellora
O pavimento da zona central da Praza está formado por un pavimento de lousas de granito silvestre, algunhas delas rotas. Esta zona atópase delimitada por pavimento de adoquíns de granito de corte natural que dificulta a accesibilidade o centro da praza dende as beirarrúas do entorno.
Tanto a zona de acceso a Praza do Concello coma o acceso á Casa do Concello pola porta lateral están delimitados por pavimento de lastro de granito en corte natural, formando unha superficie excesivamente irregular que dificulta o acceso de persoas discapacitadas, cadeiras de rodadas ou carriños de bebés.
Para o acceso dende a Praza ata a beirarrúa situada ó sur, fronte ó paso de peóns, é preciso cruzar un zona pavimentada tamén con lastro de granito irregular que dificulta a accesibilidade.
O acceso dende a beirarrúa da Rúa Ourense tamén se atopa delimitado por unha zona de pavimento de lastro con mala accesibilidade, mentres que o cruce dende a beirarrúa da rúa Ourense ata a praza tamén se atopa resolto con pavimenta de lastro de granito sen paso de peóns definido.
A beirarrúa da praza coa rúa Ourense atópase pavimentada con lastro de granito, coa conseguinte mala accesibilidade para cadeiras de rodas e discapacitados. Do mesmo xeito, para o acceso dende a Praza ata a beirarrúa situada ó norte, fronte ó paso de peóns, tamén é preciso cruzar un zona pavimentada con lastro de granito irregular que dificulta a accesibilidade.
O pavimento de lousas de granito atópase fracturado ou afundido en diversos puntos do interior da Praza. Da mesma forma, as zonas da praza resoltas con adoquíns de granito atópanse afundidas ou levantadas, principalmente nas proximidades das árbores, polo efecto das raíces.
Obras de mellora en Campo de San Antonio
Vistas polo Equipo de Goberno a necesidade de mellora tanto da accesibilidade como do propio pavimento desta Praza Campo de San Antonio e do seu entorno, con esta actuación procederase á conservación e mellora do seu pavimento, tendo para elo en conta o punto de vista da accesibilidade.
Así, levarase a cabo a substitución dos adoquíns de granito por lousas en determinadas zonas para acadar unha superficie cun acabado mais liso. Do mesmo xeito, actuarase en diversos puntos da praza de forma que en tódolos puntos de acceso á mesma exista unha zona de pavimento con lousa de granito e no sexa necesario pisar sobre os adoquíns , como ocorre na actualidade.
No cruce das rúas do perímetro da Praza, onde agora o pavimento está resolto con adoquíns de granito, disporanse lousas de granito cor clara e escura de xeito alterno, a modo de paso de peóns.
Ademais, substituiranse as lousas de granito que se atopen rotas por outras novas do mesmo tipo e recolocaranse os adoquíns en algunhas zonas, onde estes se atopen movidos formando fochancas.
Segundo a zona de actuación da que se trate observaranse as seguintes necesidades, requirimentos ou melloras:
-Accesibilidade: substituirase o pavimento de adoquíns de granito por lousas nos accesos en dous puntos, dende a entrada ou saída lateral da Casa do Concello ata a Praza. Fronte ó paso de peóns da zona suroeste da Praza, unha vez cruzada a rúa, existe unha zona de pavimento de adoquíns de granito que dificulta o acceso á beirarrúa que tamén será substituído por lousas.
Na zona sueste da Praza executarase un cruce con lousas de granito alternando lousas de granito de cor clara con lousas de cor escura a modo de paso de cebra e substituirase o pavimento de lastro de granito por pavimento de lousas no encontro da beirarrúa da rúa Ourense coa beirarrúa da Rúa Campo de San Antonio.
No borde leste da praza, paralelamente á rúa Ourense, tamén se substituirá o pavimento de adoquíns de granito por lousas para facilitar o tránsito cara a rúa Antonio Méndez Casal e a Ponte Vella.
-Reparación de pavimentos: A zona central da Praza atópase pavimentada con lousas de granito, algunhas das cales están rotas e afundidas. Polo tanto, levarase a cabo a substitución puntual destas lousas por outras novas de granito do mesmo tipo.
No entorno das árbores, o pavimento de adoquíns de granito atópase movido polas raíces provocando irregularidades na superficie. Aquí levantaranse adoquíns de granito e levarase a cabo unha nova reposición do mesmo material ata acadar unha superficie plana.
-Equipamento urbano: actuarase nos fitos que separan as zonas peonís das zonas de tráfico rodado, e para elo colocaranse de novo os fitos da intersección da rúa Campo de San Antonio coa rúa Ourense.
Descrición técnica das actuacións de mellora
Na Praza Campo de San Antonio executaranse as seguintes actuacións:
- Demolición de pavimento exterior de adoquíns de granito e capa de morteiro de asento para posterior colocación de lousas de granito.
- Levantado de pavimento exterior de adoquíns de granito e capa de morteiro de asento e nova colocación do mesmo material sobre capa de area e deixando a superficie plana.
- Demolición puntual de lousa de pavimento exterior de granito, de dimensións 40x60x6 e carga manual de cascallos sobre camión ou contedor.
- Desmontado de fito cilíndrico de aceiro inoxidable con medios manuais e carga manual sobre camión o contedor. Inclúense tamén aquí os traballos precisos para a reparación das superficies de pavimento afectadas e o abasto do material.
- No pavimento da praza, reposición puntual de pezas regulares de granito Silvestre, de 60x40x6 cm., acabado rugoso da superficie vista, cantos serrados colocada sobre capa de morteiro de cemento M-10; encintadas con cemento.
- Colocación de pavimento para uso exterior en áreas peonís de pezas regulares de granito Silvestre de 60x40x6 cm., con acabado rugoso da superficie vista, cantos serrados, e colocación sobre capa de morteiro de cemento M-10, con encintado de cemento.
- Colocación de pavimento para uso exterior en formación de paso de peóns de pezas regulares enteiras de granito Gris Parga, de dimensións 200x50x10 cm., acabado rugoso da superficie vista, cantos serrados colocada sobre capa de morteiro de cemento M-10 e encintadas con cemento.
- Colocación de pavimento para uso exterior en formación de paso de peóns de pezas regulares enteiras de granito Negro Sudáfrica, de dimensións 200x50x10 cm., acabado rugoso da superficie vista, cantos serrados colocada sobre capa de morteiro de cemento M-10 e encintadas con cemento.
- Colocación de fito cilíndrico de aceiro inoxidable de 98 cm. de alto e 10 cm. de diámetro, fincado na base de formigón do pavimento.