Teatro para adultos este xoves no Multiusos de Monforte con “A conquista da escola de Madhubai” de Teatro do Atlántico

Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2020. O ciclo de teatro do Concello de Monforte previsto para o último trimestre do ano 2020 continúa adiante, seguindo as medidas de seguridade e hixiene determinadas polas autoridades sanitarias ante o Covid-19 para a realización deste tipo de actividades.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo semestre de 2020, este xoves 12 de novembro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a terceira cita co teatro para adultos coa posta en escena da obra A conquista da escola de Madhubai, da compañía Teatro do Atlántico, obra de Hèléne Cixous, dirixida por Xúlio Lago e interpretada por María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

Tendo en conta a recente normativa establecida polas autoridade sanitarias para este tipo de actuacións, o aforo máximo do Multiusos será de 30 persoas. Do mesmo xeito, a venta de entradas levarase a cabo 1 hora antes do inicio da obra, ata completar o aforo indicado, e a entrada do público ó Multiusos terá lugar media hora antes.

 

Sinopse

Sakundeba, bandida, perseguida pola policía e polo exército, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada, preséntase na humilde morada de Pandala, unha sabia anciá que a criou cando era nena e que é a única persoa no mundo na que confía.

Pídelle quedar durante dous días agochada na súa casa, para poder meditar con tranquilidade que decisión tomar nunha disxuntiva transcendental que se lle presenta.

Sen tempo para que ela puidese reflexionar, aproxímase xa ao lugar un Ministro do Goberno, que fora o provocador da disxuntiva e que ven demandar unha resposta.

A autora inspírase na historia de Phoolan Devi, coñecida como "a raíña dos bandidos", quen foi unha destacada referencia para o feminismo autóctono indio. Con ese punto de partida, e facendo uso da capacidade extraordinaria que ten o teatro para servir de espello á sociedade que o contempla, a compañía pretende, ao tempo de traballar na procura dun discurso artístico atractivo e rigoroso, poñer en debate feitos que están a acontecer hoxe en moitos puntos da nosa contorna: as chamadas "manadas"; e ao tempo transitar por outros asuntos principais como: O dereito á educación. O impulso de rebeldía contra o maltrato. O concepto de Liberdade. A complexa dialéctica entre Lei e Xustiza. O interese persoal e o interese público no exercicio da acción política. A vinganza: unha viaxe sen final.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos, dentro da Rede de Teatros e Auditorios, programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será A compañeira de piso da compañía Contraproducións que terá lugar o xoves 26 de novembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

 

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación: nestes momentos o aforo máximo é de 30 persoas.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.