O Concello dota de iluminación ó Campo da Pinguela

Monforte de Lemos, 14 de novembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de dar conta de dúas novas obras de mellora para as infraestruturas urbanas da cidade, nesta ocasión relacionadas con instalacións deportivas municipais.

En concreto, o Concello acometerá dunha banda, a mellora da iluminación do Estadio Municipal de A Pinguela, así como a reforma da súa instalación receptora, e doutra banda, procederá a reformar a instalación eléctrica do Pavillón Polideportivo Municipal de A Pinguela.

No caso do Campo da Pinguela, a inversión prevista alcanza os 79.863,96 euros, mentres que para o Pavillón Polideportivo suporá un orzamento de 27.962,07 euros. “Son case 110.000 euros (en concreto, 107.826,03 €) os destinados a mellorar sensiblemente a iluminación e as instalacións eléctricas das que son dúas das instalacións deportivas máis importantes da cidade” destaca o Alcalde.

Ademais, o rexedor monfortino detallou que “o campo de A Pinguela dispón actualmente dunha instalación de iluminación exterior obsoleta, e posúe unha tecnoloxía de descarga que non proporciona os niveis necesarios requiridos para a boa práctica dos deportes que nesta  infraestrutura municipal se practican. Como saben, este campo, no que se practican disciplinas como o fútbol ou o atletismo, é utilizado con moita frecuencia polos nosos deportistas, motivo polo cal, dende o Equipo de Goberno decidimos acometer esta importante actuación de mellora no seu sistema de iluminación”.

Para levar a cabo esta mellora no alumeado, o Concello ven de sacar a licitación este proxecto, por un importe máximo de 79.863,96 €. Unha vez adxudicadas as obras, o prazo de execución das mesmas será de 3 meses.

“O obxectivo que dende o Concello buscamos alcanzar con esta mellora na iluminación do Campo de A Pinguela, é adaptar as súas instalacións ás esixencias actuais que marca a normativa vixente en materia de iluminación de espazos deportivos, a norma UNE-EN 12193:2009. Unha vez rematadas estas actuacións, acadaremos os valores axeitados de iluminación que determina esta normativa, e o Estadio de A Pinguela contará cunha iluminación óptima para a práctica do deporte”, salientou o Alcalde.

E por outra banda, o rexedor municipal tamén destacou a inversión necesaria para acometer a reforma da instalación eléctrica do Pavillón Polideportivo Municipal de A Pinguela, “que será de 27.962,07 euros e que significará a reforma da instalación eléctrica receptora para cumprir cos obxectivos marcados pola regulamentación vixente nesta materia”.

 

Mellora da iluminación do Campo da Pinguela

Para a mellora da iluminación do Estadio Municipal de A Pinguela, así como a reforma da instalación receptora que forma parte deste sistema de alumeado, o Concello levará a cabo as seguintes actuacións:

  • Substitución das actuais luminarias, de tipo proxector e dotadas de tecnoloxía obsoleta que non proporcionan un rendemento axeitado, por un sistema de 16 luminarias de tipo proxector con tecnoloxía LED de alta eficiencia, de 710 W de potencia unitaria nominal de entrada, e que proporcionarán unha potencia total a este espazo deportivo de 11.360 W.
  • Instalación dos novos conxuntos de luminarias sobre 4 torres metálicas de celosía de 20 metros de altura, torres tipo C-2000-20, incluíndo a montaxe do conxunto e a súa cimentación. A actual iluminación está fixada á estrutura da cuberta da infraestrutura deportiva do campo.
  • Do mesmo xeito, procederase á execución das canalizacións eléctricas así como a renovación do cableado correspondente.
  • E levaranse a cabo os ensaios pertinentes para verificar o correcto funcionamento das instalacións dacordo coa normativa vixente.

 

 

Reforma da instalación eléctrica do Pavillón Municipal da Pinguela

As actuacións no Pavillón Municipal da Pinguela suporán a reforma da súa instalación eléctrica receptora para cumprir coas especificacións que determina a regulamentación vixente de aplicación en materia de iluminación, en concreto, o Regulamento Electrotécnico para Baixa Tensión  para instalacións en pavillóns deportivos.

Deste xeito, actuarase en instalacións eléctricas interiores en baixa tensión, en concreto procedendo a:

  • Renovación do cableado eléctrico.
  • Execución de canalizacións eléctricas.
  • Substitución de luminarias.
  • Instalación de aparamenta.
  • Reforma de cadros eléctricos.
  • E realización de probas de funcionamento, inspeccións e obtención de valores por realización de ensaios.