O Alcalde anuncia a urbanización da “Zona C” de Monforte

Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tome Roca, presentou na mañá de hoxe un importante proxecto para a cidade que responde “o compromiso que teño cos monfortinos e coas monfortinas de devolverlle a Monforte de Lemos unha etapa de crecemento, como cidade e tamén como Concello en todos os ámbitos”, sinalou o rexedor municipal, que estivo acompañado pola 1º Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o  Concelleiro de Servizos, José Luís Losada.

Deste xeito, o Alcalde informou da decisión de levar a cabo a urbanización da chamada “ZONA C”, que se corresponde cos terreos ubicados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas. “Con estas obras imos cambiar a fisonomía da cidade, mellorando a trama urbana e poñemos en valor, unha zona da cidade moi preto do monumento da Nosa Señora da Antiga, que sen dúbida vaille dar unha maior calidade urbana a esa parte de Monforte”.

Para levar a cabo este proxecto de urbanización o Concello farao a través da fórmula legal denominada de cooperación, que permite ó Concello liderar ou promover a urbanización dunha zona urbanizable ou dunha zona urbana non consolidada, como é neste caso.

“Como teño dito en varias ocasións, a miña vontade como Alcalde é, ir urbanizando as bolsas de suelo cheas de maleza que se atopan en varias zonas da cidade, sen que ata agora se teñan desenvolto urbanisticamente, nin pasaran a formar parte da trama urbana, para facer de Monforte unha cidade máis compacta, mellor urbanizada, máis bonita e máis atractiva, para os que vivimos nela e tamén para os que nos visitan”, destacou neste senso o rexedor municipal.

Desta forma, esta actuación permitirá eliminar esa balsa de maleza que existe dende o final da rúa Rof Codina ata a rúa Cobas e na rúa Fontecha, abrindo novos viais, creando novas parcelas para edificar e unha nova zona verde axardinada arredor da Gardería Municipal.

 

Urbanización da Zona C

O terreo denominado como “Zona C”, foi calificado como solo urbano non consolidado, polo Pleno do Concello celebrado o 12 de abril do ano 2000, fai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e publicado no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ó servizo da cidade de Monforte.

Nesta liña, o Alcalde destacou que “pasaron xa máis de 20 anos dende aquel acordo e ata agora ningún goberno municipal se atreveu a levar a cabo a súa urbanización, así que, igual que ocorre con outros proxectos, este Alcalde e o seu Equipo de Goberno, ímonos poñer as mans á obra para urbanizar esta zona da cidade e seguir mellorando o noso Concello”.

Para poder levar a cabo esta urbanización, dende o Concello xa se deron os primeiros pasos, habendo xa adxudicado o Proxecto de Reparcelación da “Área C” ou “Zona C”, a través dun contrato menor por importe de 11.495 euros, á empresa MONSA URBANISMO, que dispuxo dun prazo de 2 meses para entregar o citado proxecto de reparcelación, o cal, anunciou o Alcalde, será presentado dentro de pouco tempo.

“Cando expliquemos o Proxecto de Reparcelación, daremos a coñecer con exactitude o custe da urbanización, aínda que o custe estimado rondará preto do millón de euros, o que da boa mostra da importancia da inversión deste proxecto que fai o Concello de Monforte” explicou Tomé Roca.

Así, con este proxecto melloranse as comunicacións dende a Avenida de Galicia a través da rúa Rof Codina ó barrio de Cobas, dándolle unha solución urbanística de menor impacto ó final dos edificios da rúa Rof Codina, especialmente no remate da beirarrúa da esquerda e valorizando toda esa zona.

Ademais de novas rúas e de parcelas edificables, tamén haberá unha nova zona axardinada duns 6.000 m2 aproximadamente arredor da Gardería Municipal e do borde do río, dándolle unha semellanza ó xardín do Parque dos Condes, quedando as dúas marxes do río Cabe como zonas verdes, poñendo en valor esa zona da cidade, tan próxima a Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios.

Para realizar todas as xestións cos propietarios dos terreos e para levar a Dirección das obras, o Concello contratará a unha empresa como asistencia técnica, que se encargará da execución do proxecto de reparcelación, baixo as directrices do Concello.

O sistema de cooperación previsto na lei, permite ós Concellos promover a urbanización dos terreos, repartindo cargas e beneficios entre os propietarios, sempre que así o desexen, ou urbanizar o Concello con fondos propios, abonándolle ós propietarios o valor dos terreos antes de ser urbanizados, pasando despois a ser de titularidade pública, ata o valor do custe da urbanización, repercutindo o resto dos terreos edificables ós propietarios iniciais.

Esta fórmula que pon en marcha o Concello, está recollida na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia, concretamente no artigo 111 da citada Lei.

“Nós esperamos que os actuais propietarios cooperen co Concello, e si non estiveran dispostos porque non lles interesa, será o Concello quen leve a cabo este proxecto en solitario, ou en cooperación cos propietarios que queiran ou poidan” subliñou o Alcalde. E engadiu que “a decisión de mellorar esa zona da cidade, é unha decisión firme e o Concello conta con fondos para poder levar a cabo o proxecto de reparcelación e tamén o proxecto das obras de urbanización”.

O horizonte para ter rematado este proxecto, prevese  que sexa  antes de que remate o actual mandato, é dicir, dende o Concello a pretensión é que estea todo urbanizado a finais de 2022.

“Sen dúbida que este vai ser outro proxecto moi importante, que vai cambiar a fisionomía da cidade de Monforte, poñendo en valor unha zona abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, vai seguir avanzando”. O Alcalde concluíu anunciando que “dentro de pouco daremos a coñecer o proxecto de reparcelación, que contará co reparto do novo parcelario e co deseño das novas rúas”.