A Concelleira de Muller e Igualdade anima a todos os colectivos, empresas e cidadáns a sumarse á Campaña “Monforte en Negro contra as Violencias”

Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2020. A Concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Monforte de Lemos, Margarita López, deu a coñecer hoxe os actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. A Concelleira convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias, que “este ano contará cun programa de actuacións diferente, porque a pandemia da Covid-19 está marcando as vidas de todos e todas”, sinalou a Concelleira.

“Dende o Concello de Monforte, consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Así, animamos a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración dos diversos actos que organizamos arredor do 25 de novembro”, sinalou Margarita López.

Baixo o lema de “Monforte en Negro” a campaña ideada dende o Concello, estenderase dende hoxe día 19 e ata o 30 de novembro. Para elo, xa nestes días procedeuse ó reparto, como cada ano, da cartelería e diverso material promocional desta campaña entre os distintos axentes sociais e económicos da cidade, así como á colocación das pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na rúa Cardenal.

Entre as novidades que presenta este ano a Campaña, en lugar de colocar unha pancarta na Torre da Homenaxe, o Concello levará a cabo unha proxección dixital sobre a Torre do lema da campaña, que terá lugar o propio día 25 de novembro dende as 6 da tarde e ata as 12 da noite, para concienciar a toda a cidadanía contra as violencias.

Outra das novidades para este ano é a colocación dun vinilo específico desta campaña no Bus Urbano do Concello, para aumentar así a visibilidade e a forza da mensaxe que queremos transmitir. Este vinilo está xa colocado dende hoxe no bus, e permanecerá no mesmo ata o 30 de novembro.

En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán os seguintes:

-Colocación da Mesa “Exprésate contra a violencia de xénero”, que estará ubicada na Casa do Concello. Nela está xa dende hoxe dispoñible un libro de sinaturas para todas aquelas persoas que o desexen poidan deixar escritas nel as súas mostras de apoio e solidaridade coas vítimas da violencia de xénero.

-Actos previstos para o mércores 25 de novembro: darán comezo ás 12:00 horas, momento en que se procederá a gardar un minuto de silencio por todas as vítimas da violencia de xénero. Debido a que o Covid-19 impide que se poida facer a tradicional concentración e lectura do manifesto na Praza do Concello, o Equipo de Goberno convoca este minuto de silencio na propia Praza e dirixido sólo ós traballadores do Concello, a fin de evitar aglomeracións masivas.

Do mesmo xeito, a Concelleira de  Muller e Igualdade animou “a que cada organismo, empresa ou institución de Monforte se sume con nós a este minuto de silencio, facéndoo visible no exterior das súas instalacións e sedes”.

Tamén o mércores 25, a tradicional lectura do Manifesto terá lugar ás 13:05 horas nas radios locais, e será tamén divulgada a través da páxina web e das redes sociais do Concello, dado que non vai poder ser lido ó non celebrarse a concentración propia dese día por mor do Covid-19.

-O xoves 26 de novembro terá lugar ás 20:15 horas no Edificio Multiusos a representación da obra de teatro para adultos “A compañeira de piso”, a cargo da compañía Contraproduccións, cun prezo de 5 € de entrada xeral e de 3 € para persoas desempregadas ou xubiladas.  Neste caso, e debido as restricións determinadas polas autoridades sanitarias ante a Covid-19 para este tipo de actividades, o aforo será dun máximo de 30 persoas, e será necesario cumprir coa normativa específica de acceso ó edificio, así como o uso obrigatorio de máscara e o distanciamento social correspondente.

-Finalmente, o luns 30 de novembro terá lugar, de 16:30 a 17:30 horas, o Obradoiro en liña: “Prevención do acoso callejero dirixido a público en xeral maior de 16 anos, de carácter gratuíto, e impartido pola Fundación Mujeres. Para participar nel, será necesario realizar a inscrición previa a través deste enlace:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeP6YAKpeNN2PDJrUm9du6RESoOiaX3...

Margarita López rematou a súa comparecencia “animando á todos os veciños e veciñas de Monforte, así como a asociacións, colectivos, entidades e empresas a que participen nos diversos actos que conforman esta campaña co obxectivo común de acabar coa lacra da violencia de xénero na nosa sociedade, pois é un tema transversal que nos compete a todos e todas.”