Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar dunha novidosa iniciativa na que participa o Concello cuxo obxectivo é que os nenos e nenas de Monforte poidan recibir de xeito individual a chamada dos Reis Magos este Nadal.
Baixo o título “Queres falar cos Reis Magos?” esta iniciativa xurde debido á actual situación propiciada pola pandemia da Covid-19, que impide a celebración de actos multitudinarios, polo que esta campaña promovida dende o Concello de Monforte, busca por en contacto a todos os nenos e nenas monfortinos que así o desexen cos Reis Magos.
Para elo, os pais e nais que desexen que os seus fillos e fillas reciban unha chamada telefónica ou por videoconferencia dos Reis Magos, deberán inscribilos a través do portal www.nadal2020.es, ou no teléfono 641 585 245, dende mañá mércores 25 de novembro e ata o martes 29 de decembro.
Esta actividade está especialmente dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos, para que poidan falar en directo cos Reis e así facer real a ilusión destas datas tan indicadas, utilizando para elo unha plataforma segura como é www.nadal2020.es.
A través desta plataforma, os pais, titores ou familiares monfortinos maiores de idade poderán inscribir ós seus nenos e nenas dunha forma moi sinxela, seguindo unha serie de pasos, e dende a plataforma concertarase unha data e unha hora onde as Súas Maxestades poñeranse en contacto de xeito individual con cada neno ou nena a través dunha sinxela vídeo-chamada de Whatsaap.
Da mesma maneira, ante a dificultade que poidan ter algunhas familias para contar con acceso a internet, chamando ó teléfono 641 585 245 poderán inscribirse nesta campaña. Despois, o persoal da plataforma no día e hora acordados, presentarase na porta da vivenda cun dispositivo electrónico para poder levar a cabo a conexión da vídeo chamada.
Deste xeito, destacou o Alcalde, “non queremos que ningún neno e nena de Monforte perda a ilusión este Nadal debido ó Coronavirus. E dado que os Reis Magos están moi ó corrente do uso das novas tecnoloxías, este Nadal será posible que cada neno e nena que así o desexe, poida falar en directo coas Súas Maxestades. Por iso, dende o Concello animamos a todos os pais e nais a que se anoten nesta iniciativa que poñemos en marcha dende mañá, para que os máis pequenos da casa lle poidan transmitir ós Reis as súas peticións, os seus desexos e ilusións.”